Novo incide no lamentable estado no que se atopa a estrada LU-P 3807 e, máis concretamente, “no tramo que vai de Fornos ata a 3805”. Tal é así que “a taxista que se encarga de levar os nenos e nenas ao colexio se estea plantexando renunciar á concesión do transporte público porque non gaña para os desperfectos que sufre o seu coche”.
Así, o popular diríxese ao “presidente da institución provincial, que é o responsable da área de obras, para que tome as medidas que están na súa man para mellorar e reparar esta vía de forma urxente” de forma que “contribúa, ao mesmo tempo, ao mantemento doutro servizo público do que se benefician os nenos e nenas do rural”.
O deputado do PP engade que as numerosos fochancas que presenta o seu firme dificultan a circulación; polo que, “ademais dos estragos que provoca nos vehículos, supón un risco para a seguridade dos seus usuarios”. E, ademais das lamentables condicións nas que se atopa a LU-P3807, Novo critica que “a Deputación de Lugo non fixo nin está a realizar ningunha tarefa de mantemento para manter transitable a LU-P-3805 durante a construción dun parque eólico na zona”.
Queixas trasladadas ao Pleno
O deputado provincial xa fixo constar as súas queixas sobre o mal estado das estradas provinciais da comarca na pasada sesión plenaria do 29 de outubro do 2019 onde, a través dun rogo, trasladou a necesidade de mellorar e acondicionar a LU-P-6406 dende o Cristo da Portapena a Pontesegade, no termo municipal do Vicedo. A voceira provincial, Elena Candia, fixo o mesmo coa LU-P-4404 ao seu paso por Riotorto.