“Viveiro terá este ano un papel relevante na feira, xa temos pechadas de antemán diferentes xestións e reunións con touroperadores internacionais e outros axentes do sector, hai moito interese no noso potencial paisaxístico, cultural e de natureza”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.
Nesta edición Viveiro intervirá o xoves, ás 11:30 horas no stand de Galicia, na presentación que realizará a Deputación de Lugo baixo o título ‘Lugo, vén!’; e ás 14:45 horas, no stand de Turespaña, na presentación oficial da Rede Europea de Celebracions da Semana Santa e Pascua, que empezou a andar en 2018 e que se constituiu en Braga (Portugal) en febreiro de 2019.
O mesmo xoves, ás 17:00 horas, no stand de Galicia, Viveiro terá tamén un papel protagonista na presentación da Mancomunidade da Mariña Lucense, no que se darán a coñecer distintas experiencias de turismo slow, coa intervención de varios alcaldes da mancomunidade, ademais de representantes da deputación e da Xunta; e ás 18:30 horas, na oficina da Xunta de Andalucía en Madrid, terá lugar a asamblea da Rede Europea de Semana Santa e Pascua, onde se tratarán temas propios da asociación.
Por último, o venres 24, ás 10:00 horas, no stand de Galicia, haberá a presentación das Semana Santa en Galicia, na que unha vez máis Viveiro dará a coñecer as características que fan á Semana Santa do concello única e merecedora da distinción de Festa de Interese Turístico Internacional.
Visitas a San Francisco
Por otra parte, o Concello de Viveiro anunciou hoxe que un total de 3.676 persoas visitaron no ano 2019 os claustros de San Francisco, onde está ubicada a exposición permanente da Semana Santa. Delas, 3.506 eran españolas e 170 estranxeiras.
“Este balance é froito da colaboración existente entre a Xunta de Cofradías da Semana Santa de Viveiro e o noso concello, mediante a cal se teñen cedidos diversos locais dos Claustros de San Francisco para mostrar o patrimonio das distintas cofradías e irmandades”, explicou a alcaldesa.
Para o concello, esta iniciativa é unha mostra máis da estreita relación coa Xunta de Cofradías e do traballo común en aras de continuar promovendo esta celebración, unha das máis importantes e representativas do municipio. Na rolda de prensa de balance do 2019 participaron Pepe Veiga, presidente da Xunta de Cofradías da Semana Santa, e José Luis Couceiro, Irmán Maior da Cofradía da Piedade.