Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro convoca as subvencións para a rehabilitación de vivendas no casco histórico co obxectivo de dinamizar e fixar poboación na zona

 Viveiro, 20 de xaneiro de 2020. O Concello de Viveiro publicou o pasado venres no BOP de Lugo as bases e a convocatoria de subvencións “para a rexeneración e renovación urbana na Área de Rehabilitación Integral (ARI) do casco histórico de Viveiro”, en cumprimento e ó amparo do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021.
En concreto, segundo reflicte o texto do BOP, “as persoas interesadas en executar traballos de conservación e intervención en vivendas unifamilioares ou en edificios de vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns có fin de adecualas á normativa vixente e que estén ubicadas dentro do casco antiguo, poderán solicitar as subvencións durante un mes a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria”.
“Temos un compromiso coa rehabilitación e co casco histórico no Concello de Viveiro, é un patrimonio que temos que coidar e dinamizar entre todos e este tipo de axudas permiten aos propietarios poñer en marcha traballos de mellora nas súas vivendas ou edificios, un paso imprescindible para atraer e fixar poboación”, explica a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
Nas súas solicitudes, os interesados deben adxuntar as certificacións de cada persoa propietaria de estar ao día coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia e a Administración Local.
Ademaís, deben engadir un proxecto ou memoria técnica na cal expresen as obras que se van executar e, aos efectos de poder puntuar a Fixación de poboación na Áera de Rehabilitación, o solicitante deberá presentar xustificante de que a edificación na que se pretende actuar “é a súa vivenda habitual, está destinada ó alugueiro ou ben, no suposto de vivenda baleira neste momento, declaración responsable de que a que fin vai ser destinada”.
Para mais información sobre as bases das axudas, poden acudir á Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Viveiro, na segunda planta do Concello de Viveiro. Teléfono: 982562968. Correo electrónico rehabilitacioncasco@viveiro.es

Exit mobile version