Cervo, 20 de xaneiro de 2020. O Concello de Cervo ultima os preparativos para a III Semana de Prevención de Incendios que terá lugar este xoves e este venres (23 e 24 de xaneiro), na Praza do Concello e no salón de actos do consistorio.
A actividade foi presentada este mediodía polo rexedor, Alfonso Villares, o edil de Protección Civil, Alfredo Fernández, a concelleira de Educación, Dolores García Caramés, e o responsable do GES de Cervo, Mario Antuña.
Tal e como apuntou Villares, “xa lles remitimos unha carta aos diferentes centros educativos da Mariña a fin de convidalos a participar neste iniciativa didáctica, centrada nesta ocasión nos protocolos de evacuación dos centros escolares ante unha emerxencia de incendio”.
Nestas xornadas programaranse talleres de primeiros auxilios, instalarase a casiña de fume para explicar aos nenos os protocolos a seguir ante unha alerta por lume no centro, impartiranse charlas coas recomendacións a seguir en caso de incendio, proxectaranse vídeos sobre autoprotección escolar, haberá exposicións e simulacros, entre outras actividades.
A iniciativa, que en anos anteriores reuniu a máis de 700 escolares, está promovida un ano máis en colaboración coa Fundación MAPFRE e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB).