Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Foz propón ao pleno da corporación solicitar á Xunta a mellora da estrada LU-162 en Cangas, onde hai pozos de pluviais sen tapar

 Foz, 29 de xaneiro de 2020. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, propón ao pleno da corporación instar á Xunta de Galicia para que remate as beirarrúas na LU-162 ao seu paso pola parroquia de Cangas e a protección de pozos de pluviais con tapas nesta mesma estrada. Esta iniciativa tratarase na sesión ordinaria que esta convocada para mañá, xoves, ás 20:30 horas.
Na proposta da Alcaldía proponse “instar á Xunta de Galicia, e concretamente á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a que licite á maior brevidade a obra de construción da terceira fase de beirarrúas na travesía de Vilamor, en Cangas de Foz (estrada LU-162 Ferreira – Cangas de Foz) , e se completen as mesmas na travesía da estrada da súa titularidade. Solicitar á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que corrixa e faga un mantemento axeitado do pavimento das beirarrúas existentes nesta estrada. E reclamar ao mesmo departamento da Xunta de Galicia que dispoña os medios de protección axeitados para que se evite o risco de caída nos pozos existentes na estrada LU-162”.
Fran Cajoto explica que “a estrada LU-162, titularidade da Xunta de Galicia, é unha das máis importantes do concello de Foz e dos municipios da contorna, xa que ademais de servir como principal vía de comunicación das parroquias de Cordido e Cangas co núcleo de Foz, é a vía máis directa de unión de Alfoz e O Valadouro con Burela e coa Mariña Occidental. Así, esta vía soporta un elevado tráfico de vehículos, o que constitúe un perigo para os veciños que viven na travesía de Cangas, no barrio de Vilamor. Actualmente parte da travesía conta con beirarrúas, que se fixeron en dúas fases distintas, a última correspondente ao ano 2015. Sen embargo, a actuación non se completou, polo que as vivendas máis próximas a Ferreira teñen un risco engadido e os peóns non se poden desprazar coa debida seguridade. Así mesmo o estado de conservación non é o axeitado, encontrándose losetas levantadas, con risco de tropezóns e caídas que xa aconteceron. Outro problema de seguridade maniféstase na rede pluvial existente na estrada, que conta con pozos de grandes dimensións abertos, sen ningunha protección, o que constitúe un gran risco de caída para as veciñas e veciños que viven nesta travesía e que nos foi trasladado”.
Defensa da sanidade pública
No pleno ordinario de mañá tamén se tratará unha moción do alcalde focense en defensa da sanidade pública en Foz e na Mariña, en concordancia coas reivindicacións da Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública da Mariña. Nesta iniciativa o rexedor propón “demandar ao Goberno galego a adecuación dos orzamentos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ás necesidades reais dos centros de saúde e dotalos do persoal necesario para garantir unha atención accesible e de calidade; esixir o cese da política de desmantelamento e peche de servizos nos hospitais; revisar os concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar aqueles que non sexan necesarios, tal e como dispón a Lei Xeral de Sanidade; redución drástica das listas de espera e tempos de demora das consultas de atención especializada, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos; publicar as listas de espera ocultas e acabar coa manipulación das mesmas; paliar a carencia de recursos públicos sociosanitarios da área sanitaria, actualmente moi insuficientes, dadas as características de idade da nosa poboación; acabar coa política de privatización de recursos e de derivar pacientes ás clínicas privadas de xeito innecesario; e rematar coa política de persoal dos servizos de saúde baseada na precariedade e na explotación laboral”.

Exit mobile version