Cervo, 22 de xaneiro, 2020. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, deprazouse ata Madrid, para participar no día de hoxe nas concentracións promovidas polo comité de empresa de Alcoa, diante do Ministerio de Transición Ecolóxica e do Congreso dos Deputados “como medida de presión para demandarlle ao Goberno central a aprobación dese estatuto de electrointensivas que levamos tanto tempo agardando”.
Villares apuntou que si ata o de agora o executivo de Sánchez Castejón “se escudaba na súa condición de estar en funcións -sen fundamento ningún porque neste tempo aprobaron varios decretos-; agora co Goberno formado xa non ten ningunha escusa; “ten que decidir se quere que a Mariña sexa un novo territorio da España baleira ou aportar as solucións para blindar o emprego e o benestar desta Comarca, tal e como fixeron os seus predecesores no últimos corenta anos”.
Nas mans do PSOE, Unidas Podemos, e tamén do BNG, como socio de goberno, está o futuro de toda esta bisbarra, engadiu.
A situación é realmente límite –precisou- porque os días e as semanas van pasando e ese estatuto prometido segue sen estar enriba da mesa; iso si –remarcou- “ten que ser un estatuto con garantías e que conteña esas pautas que lle permitan á nosa empresa do aluminio ser competitiva no marco europeo”.
O Goberno ten que amañar esta situación si ou si, xa non valen medias tintas, “porque a ausencia dunha solución evidenciaría unha total desidia e abandono do executivo a toda unha Comarca que quedaría nunha situación absolutamente crítica”.