A directiva de Acisa explicou que “na categoría de comercio o gañador foi Naná, pola orixinalidade no deseño decorativo, pola combinación de diferentes elementos e pola súa elegancia”. Naná recibirá 100 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados a Acisa e un trofeo.
Desde Acisa engaden que “na categoría de hostalería o vencedor foi o restaurante La Solana pola integración da decoración no local, a orixinalidade e a utilización do espazo axeitado para decorar”. La Solana recibirá tamén 100 euros en vales de compra e trofeo.
O fallo do xurado xa lles foi comunicado aos gañadores. Os premios serán entregados na cea de gala de Acisa Ribadeo, que se celebrará o vindeiro mes de febreiro.
Desde Acisa felicitan “a todos os participantes e a todos os socios e socias, que coa súa decoración contribuiron a aumentar o ambiente de Nadal en Ribadeo”.
IX Festa do Comercio
Acisa ultima os preparativos da IX Festa do Comercio, que se celebrará o vindeiro sábado, 11 de xaneiro, na carpa instalada no parque de San Francisco. No evento van sortear 4.000 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados. Debido á multitudinaria presenza de público que se rexistrou na pasada edición da Festa do Comercio Acisa procederá a instalar imaxe e son no exterior da carpa “para que todo o mundo poida seguir o sorteo nas mellores condicións posibles, xa sexa no interior ou no exterior”.
A campaña de Nadal de Acisa arrincou o pasado 1 de decembro co reparto de 200.000 rifas entre os clientes que fixeran ou fagan as súas compras no comercio local ou consuman na hostalería da vila ata o vindeiro 11 de xaneiro.
O vindeiro sábado celebrarase o sorteo e as persoas que teñan rifas poderán depositalas nunha urna instalada para elo, na entrada da carpa, dende as 16:00 ata as 20:30 horas. Ademais terán que gardar a parte a conservar para participar no sorteo. Desde a directiva de Acisa explican que “a rifa na súa totalidade é para o cliente. Está composta de dúas partes, unha para el e outra é a que hai que depositar na urna o día do sorteo”.
Os 4.000 euros en premios serán repartidos en tres presenciais e un non presencial. Os presenciais serán de 2.000 euros, 1.000 euros e 500 euros en vales de compra de Acisa Ribadeo. Ningún premio quedará deserto e de non aparecer o gañador procederase a sortear de novo, “polo que os participantes deberán estar fisicamente no lugar”. Ademais haberá un premio non presencial de 500 euros en vales de compra, que se dará a coñecer o mesmo día 11 de xaneiro e sortearase mediante un programa informático que escollerá de forma aleatoria un número dos 200.000 entregados nas rifas.
O gañador do sorteo non presencial terá ata o día 17 de xaneiro para presentarse nas oficinas de Acisa Ribadeo e así cobrar o premio. De non presentarse considerarase deserto. Os gañadores premiados coas rifas agraciadas no sorteo presencial cobrarán o premio o mesmo sábado.
Os vales de compra de Acisa Ribadeo deberán ser gastados no período de dous meses, dende o 11 de xaneiro ata o 11 de marzo de 2020. Os vales só poderán empregarse nos establecementos asociados e terán que ser gastados de forma íntegra.
Colaboran na organización desta campaña xunto a ACISA: Concello de Ribadeo e Xunta de Galicia.