Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 600 escolares de toda A Mariña participarán na III Semana de prevención de incendios do Concello de Cervo

 Cervo, 22 de xaneiro de 2020. O Concello de Cervo, a través das delegacións de Protección Civil e de Educación, organiza este xoves e venres, 23 e 24 de xaneiro, as III xornadas de prevención de incendios, nesta ocasión centradas especificamente nos protocolos de evacuación dos centros escolares ante un risco de lume.
Está prevista a participación de máis de 600 escolares de infantil e primaria de diferentes colexios da Mariña convidados pola Administración local.
Os centros do municipio –o CEIP de Cervo e o CEIP Península da Paz- serán os encargados de inaugurar as xornadas, xoves e venres respectivamente, entre as 10:00 e as 11:30 horas, coa participación da totalidade do seu alumnado nas diferentes actividades previstas na Praza do Concello e no salón de actos.
As sesións didácticas prolongaranse durante toda a mañá, desde as 10:00 ata as 13:45 horas. Programaranse talleres de primeiros auxilios, instalarase a casiña de fume para explicar aos nenos os protocolos a seguir ante unha alerta por lume no centro, impartiranse charlas coas recomendacións a seguir en caso de incendio, proxectaranse vídeos sobre autoprotección escolar, haberá exposicións e simulacros e material didáctico de balde, entre outras actividades.
A iniciativa está promovida un ano máis en colaboración coa Fundación MAPFRE e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB).

Exit mobile version