Ás veces é incrible a transformación da mensaxe que se produce nalgúns políticos cando chegan a ter responsabilidade de xestión no Reino de España. É entón cando comezan a utilizar nos seus discursos que son “hombres de Estado” ou mesmo estadistas. Cal será a clase de información que manexan? Ou mesmo esa carteira de responsabilidade leva un manual de actuación?
Mais seguro que “hombres de Estado” é unha expresión como aquelas da escola, cando xogabas a pillar, e estabas apertado dicías “casa” daba unha vida extra en política esta expresión sortea moi ben dar explicacións a actuacións incómodas.
Todo correcto nesta regra do xogo, aínda que non é san para a política, podémola aceptar como parte da retórica, porén o problema e cando a frase tamén afecta á división de poderes. Estamos vendo con varios movementos de órganos do poder xudicial que se está actuando en chave de “hombres de Estado” en decisións que terían que ter unha marcada xestión política na súa solución, como é a cuestión de Cataluña. Non falo de decisións do Tribunal Supremo, que tamén, senón as sorprendentes posicións da Xunta Electoral Central, no relativo á inhabilitación de Torra, é simplemente incrible e a nivel internacional unha vergonza, dito sexa de paso que tamén a actitude de Torra non é a mellor. Non é o xeito de buscar unha solución política, pero a quen lle interesa que siga enquistado o conflito?
Aquelas persoas que visten toga, para un correcto servizo á sociedade non poden pensar unicamente en preservar o Estado, teñen que preservar as liberdades.
Pode que a intención sexa a protexer ao Estado, tal é como a nosa dogmática Constitución recolle, indivisible. Pero fraco favor se fai á convivencia e á pluralidade cando non se quere tratar a cuestión territorial e nacional que si é unha realidade. Realidade que xa o era cando se constrúe a Constitución, pero que se pasou con coidado polo tema, tendo en conta a conxuntura do momento e sendo “hombres de Estado”. Que pasa logo coa perda de soberanía por estar na Unión Europea?
É certo tamén que a división de poderes non se pode entender como células illadas que non se interrelaciónan sería facernos trampa. O executivo sae do lexislativo e o xudicial tamén no seu nomeamento. Neste caso a miña opinión segue a ser que o problema da transición foi dotar de tanta forza aos partidos políticos que coas súas posturas estratéxicas o inundan todo pensando no seu propio ben. Un fallo da nosa democracia foi articular tantas medidas de protección á acción partidaria. Por iso cando vexades a un político manifestar que é un home de Estado na realidade pensade que é un home de partido.
Piñeiro Docampo
Sº XERAL DE CxG
MEMBRO DO CONSELLO DO PARTIDO DEMÓCRATA EUROPEO