Site icon Crónica3.com A Mariña

Gran acollida e interese en Fitur pola oferta turística, o patrimonio histórico e natural, a Semana Santa e eventos como o Resurrection Fest do Concello Viveiro

 Viveiro, 23 de xaneiro de 2020. O Concello de Viveiro está moi presente na edición 2020 de Fitur Madrid, unha das feiras turísticas máis importantes do mundo. Desde a xornada deste xoves, os representantes da corporación alí presentes reciben unha gran acollida polo variada oferta da vila.
Viveiro acudiu a Fitur a promocionar a súa oferta turística, o seu patrimonio natural e histórico, a Semana Santa e outros eventos xa consolidados como o Resurrection Fest. “O primeiro balance é moi satisfactorio, vemos como chegan os resultados da nosa ambiciosa programación cultural, deportiva e de ocio durante todo o ano, os turoperadores internacionais coñecen e recomendan a nosa vila”, afirma a alcaldesa, María Loureiro.
A alcaldesa participou en primeiro lugar na presentación que realizou a Deputación de Lugo baixo o título ‘Lugo, vén!’. Alí falou na súa intervención “da Romería de Naseiro e a Rapa das Bestas, ambas de Interese Turístico; a Festa da Merluza do Pincho, de Interese Turístico Gallego e emblema da nosa gastronomía; o Mercado Renacentista; a Mostra Folclórica Internacional; o Belén Viveiro ante o Berce; ou a Semana Santa, que mañá presentaremos e que, xunto a Ferrol, é a única de Galicia distinguida como Festa de Interese Turístico Internacional”.
Posteriormente, no stand de Turespaña, estivo tamén na presentación oficial da Rede Europea de Celebracions da Semana Santa e Pascua, que empezou a andar en 2018 e que se constituiu en Braga (Portugal) en febreiro de 2019, co obxectivo de acadar o 1º Itinerario Cultural Europeo de Celebracions de Semana Santa e Pascua, formado por distintos países.
“Considerada como unha das mellores de Galicia e do norte de España, destaca pola riqueza patrimonial da súa imaxinería e pola súa antigüedade, xa que a súa orixe se remonta ao século XIII; nas cofradías se integran uns 3.500 cofrades e a Semana Santa de Viveiro inclúe quince procesións”, explicou no acto a alcaldesa de Viveiro.
“Pola súa historia, tradición e devoción; polo esforzo, traballo e dedicación de todos os seus cofrades e polo compromiso de todo o pobo de Viveiro, a nosa Semana Santa foi declarada, en 2013, Festa de Interese Turístico Internacional, sendo a primeira de Galicia e de toda a cornisa cantábrica en obter esa distinción”, engadiu.
Mancomunidade da Mariña
Xa pola tarde, no stand de Galicia, Viveiro tivo tamén un papel destacado na presentación da Mancomunidade da Mariña Lucense, na que se deron a coñecer distintas experiencias de turismo slow.
“Podería dicirse que tanto Viveiro, como toda a Mariña Lucense, comparten unha característica; 16 concellos que ofrecen paraxes naturais únicas; un patrimonio histórico admirable; unha gastronomía rica e variada; ou gran cantidade de eventos lúdicos, culturais e deportivos, entre outras opcións; en definitiva, unha comarca na que cada cal pode atopar o tipo de turismo que máis de adapte aos seus gustos e necesidades”, manifestou Loureiro.
O Venres tamén no stand de Galicia, a alcaldesa intervirá na presentación das Semana Santa en Galicia, na que unha vez máis Viveiro será protagonista.

Exit mobile version