Ribadeo, 17 de xaneiro de 2020. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, ven de dirixirlle unha nova carta a Portos de Galicia sobre a praga de mosquitos ocasionada polo amoreamento de madeira no porto de Mirasol. O rexedor no escrito enviado á presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, ínstaa a que desde o seu departamento realicen as xestións necesarias para que esa madeira sexa retirada do lugar “e que este porto comercial se converta nun lugar de tránsito como se entende debe ser e non nun almacén ou depósito como asemella ser a día de hoxe”. Suárez Barcia non quere que no vindeiro verán se repita o acontecido hai uns meses con esta praga de mosquitos.
O alcalde declarou que “desde o Concello de Ribadeo, atendendo a todas estas queixas que nos están chegando nestes últimos tempos tamén de diferentes sectores, tanto residenciais como económicos, do entorno do porto comercial de Mirasol, sobre este tema recorrente do amoreamento de madeira que hai desde hai moitos meses nesa parte do peirao comercial, por iso acabamos de mandarlle unha comunicación á presidenta de Portos de Galicia para que agora que inverno, que fai frío e que non hai mosquitos que se fagan todas as operacións necesarias para que cando chegue o calor e a humidade non volvan os mosquitos de novo, ocasionando a situación de alarma e crise que tivemos o verán pasado. Trátase de traballar no inverno para que no verán poidamos estar tranquilos neste aspecto”.
Fernando Suárez engadiu: “polo tanto desde o Concello de Ribadeo defendemos todos os sectores e o que non é moi correcto é utilizar unha superficie marítima comercial como lugar de amoreamento sine die dunha chea de metros cúbicos de madeira para a que ese non é o seu destino, é o transporte; e se non é posible ese non é o lugar para ter acumulada toda esa madeira que logo acaba xerando e producindo que millóns de pequenos animais lle fagan a vida imposible a moitos sectores económicos”.