Site icon Crónica3.com A Mariña

“Fágase a luz”, por Antonio Gregorio Montes

O pasado sábado Luz Pozo Garza foi declarada filla predilecta de Ribadeo. Non puiden asistir; como compensación engadín algunha cousa á súa xa longa entrada na Galipedia.
En casos semellantes soe haber propaganda de diverso tipo, maiormente institucional, que anima a outra xente máis ou menos próxima a unirse á corrente, resaltando a bondade do nomeamento pola gabanza do/da nomeado/nomeada. E, por outra banda, tamén aparece un grupiño ou grupo de xente que argumenta en contra, ben sexa da persoa ou a súa idoneidade, ben, indirectamente, dos poucos méritos relativos para o nomeamento ou da capacidade de quen nomea para facelo.
O caso de Luz Pozo non é diferente. Dende o goberno municipal, a concelleira de cultura defendeu o nomeamento, o mesmo que o cronista oficial, sendo o nomeamento decidido de xeito unánime na corporación. Pola banda contraria, algunha xente manifestouse nas redes sociais máis ben no sentido de que hai outros ribadenses que deberan ser nomeados antes. A unanimidade dos representantes electos no concello fixo a onda ó nomeamento. Mentres, boa parte da poboación (incluída con seguridade xente que ‘vota a favor’ tanto como que ‘vota en contra’) non leu nin un só poema seu nin podería falar máis de dez segundos (ao menos, antes da propaganda) sobre ela.
Os nomeamentos son algo cunha parte importante de subxectividade, aínda que deban estar baseados en algo obxectivo. Así pois cabería preguntar, Luz Pozo, méritos? Para resposta, val con que se mire o que ocupa o nomeamento en relación á súa biografía (por exemplo, e porque xa está actualizada, en https://gl.wikipedia.org/wiki/Luz_Pozo_Garza).
Pero para un nomeamento así non chega cos méritos persoais. Tamén están os méritos para/por ser ribadense. En comparación con calquera outra persoa. E nisto de ser ribadense, venme a memoria que, despois de máis dun cuarto de século en Ribadeo, tendo desenvolto o groso da miña actividade vital aquí, alegouse na miña contra como arma de desautorización -por escrito, en medio público e por persoa relevante- que non era ribadense, que era de fóra. Mentres, un tempo despois se reformou a normativa de entrada na vella residencia para facilitar o acceso a dúas persoas que marcharon de nenos de Ribadeo, sen voltar vivir ata a pretendida entrada na residencia.
Así, é relativa a significatividade. O que é significativo para alguén pode non selo para outra persoa, e viceversa. É dicir, case é inevitable o desacordo en casos coma este, sendo diferente a escala (non só de valores) de cada quen, co que a outra xente lle iría moito mellor que fose(n) outra(s) persoas as nomeadas. A unanimidade na votación no concello só significa presión social para non discrepar, non que non se poda discrepar.
Dito o dito, parabéns, Luz. Parabéns, Ribadeo.

Exit mobile version