Site icon Crónica3.com A Mariña

Emotivo acto para celebrar o centenario do Teatro Pastor Díaz de Viveiro

Viveiro, 19 de xaneiro de 2020. O Concello de Viveiro organizou este sábado un emotivo acto conmemorativo do centenario do teatro Pastor Díaz, no que tamén inaugurouse unha exposición sobre a historia do edificio.
“O Pastor Díaz, non vou descubrir nada novo, é un dos nosos edificios máis emblemáticos, patrimonio histórico e cultural da nosa vila; estou convencida de que dentro dun século o telón deste escenario subirá de novo para celebrar os seus 200 anos”, manifestou na súa intervención a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
O acto comezou da man do historiador Suso Martínez, que deu paso á concelleira de Cultura, Lara Fernández, e o cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo, que repasou os principais fitos históricos do teatro.
“Como concello que aposta pola cultura como prioridade educativa e de ocio, seguiremos a traballar para que o Teatro Pastor Díaz manteña unha variada programación anual para todas as idades de teatro, música ou baile, a gran maioría en galego e con forte presenza de grupos locais”, manifestou Loureiro.
En palabras da alcaldesa de Viveiro, “cando un concello ten a sorte de ter un lugar como o Teatro Pastor Díaz está na obriga de darlle contido, coa satisfacción de que eses contidos serven non só para momentos de ocio, senón tamén para transmitir ás novas xeracións a importancia de asomarse á fiestra da creación, da arte, da cultura, en definitiva, da reflexión e da propia vida”.
No acto de onte houbo tamén moita música, da man de gaiteiro David Bellas, de Bágoas da Terra e da Coral Alborada. A noite pechouse cunha sorpresa, xa que Bellas, algunhas voces de Alborada e Suso Martinez, cunha tarta coa vela número 100, cantáronlle coa axuda do público o “cumpreanos feliz” ao teatro.
A mostra estará ubicada durante os próximos meses no hall, onde tamén se instalou onte unha placa conmemorativa feita por Alfonso Otero Regal. Nos próximos meses haberá outras actividades para completar o centenario oficial.
Construído entre 1918 e 1919 a iniciativa particular de Nemesio Barreiro Casal, o teatro pasou por varios propietarios ata que foi adquirido polo concello en decembro do 1988. Estivo pechado oito anos ata a súa rehabilitación, cun custo de 200 millóns de pesetas. Foi reinaugurado no ano 2001.
Trala súa rehabilitación, o teatro reincorporouse á vida social de Viveiro, de xeito que é onde se realizan a maioría das actividades culturais do Concello e tamén as organizadas polo seu tecido asociativo.

Exit mobile version