O popular recalcou que se trata de iniciativas que permiten “mellorar a empregabilidade das persoas en situación de desemprego”. Isto é, “as persoas participantes reciben formación teórica e práctica acreditable a través dun certificado de profesionalidade e, ao mesmo tempo, vense beneficiadas dun contrato de traballo durante o tempo no que se desenvolva o obradoiro”.
O deputado do Grupo Popular deixou clara a aposta do goberno galego pola convocatoria deste tipo de programas de formación para o emprego que, ao mesmo tempo, “serven para acometer obras, realizar melloras ou prestar servizos nos municipios nos que se implantan” trala solicitude das axudas que a Xunta de Galicia convoca dirixidas a concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes para a posta en marcha destas iniciativas.
Ata 94 persoas contratadas para o desenvolvemento de catro obradoiros
Vega lembrou que foron un total de catro os obradoiros de emprego desenvoltos en sete concellos da Mariña. Nese sentido, fixo distinción entre os tres obradoiros duais e o taller de emprego dirixido especificamente a mozos e mozas menores de 30 anos en situación de desemprego. No primeiro caso, cun investimento dun millón de euros desenvolvéronse na comarca -promovidos por sete concellos e cunha duración de nove meses- os obradoiros ‘Ribadeo alén do Camiño’, ‘Sendas de Burela, Cervo e Xove VI’ e ‘Terras do Sor III’ (O Vicedo, Ourol e Muras). Así mesmo, hai que engadir o desenvolvemento dun taller de garantía xuvenil que, cun investimento de 180.000 euros e unha duración de seis meses, se está a desenvolver en Ribadeo, o ’Doc Tic III’, que ofrece formación teórica e práctica e experiencia laboral a un total de 16 alumnos e alumnas en materia de Produción fotográfica e Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos.
“O investimento de 1,18 millóns de euros por parte da Xunta fixo posible a contratación de 94 persoas desempregadas entre os 76 alumnos-traballadores e outras 18 persoas que exercen como monitores ou realizan tarefas de dirección e administración”, matizou.