Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2020. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, incidiu hoxe no Parlamento en que Galicia necesita un prezo eléctrico estable e competitivo para que as industrias electrointensivas poidan traballar en igualdade de condicións que o resto da industria deste ámbito en Europa, rebaixando a factura ata os 35/40 euros por MWh.
Na súa intervención, Conde sinalou que o Goberno leva máis dun ano “poñendo escusas” para aprobar un Estatuto que asegure a continuidade dos 5000 postos de traballo que dependen do sector, moi especialmente de Alcoa San Cibrao. E indicou que, tras a reunión co secretario xeral de Industria do pasado xoves quedou constatado que as propostas incluídas no Estatuto polo Goberno central son insuficientes, que non hai data para a súa aplicación e que non dan estabilidade.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que o Goberno central non ten á industria na súa axenda política, e fixo fincapé en que é compatible o desenvolvemento da industria coa protección ambiental, lembrando que Galicia traballa para favorecer o desenvolvemento das enerxías renovables e contar en 2020 con preto de 4000 MW de potencia eólica en 187 parques.
Conde tamén insistiu nas catro demandas prioritarias que a Xunta fixo, antes das eleccións xerais de novembro, en materia de enerxía: un prezo da enerxía viable para as industrias electrointensivas, unha transición enerxética xusta; unha poxa de enerxías renovables e a defensa do sector da automoción.