Burela a 29 de xaneiro de 2020. CIG Saúde A Mariña denunciou novamente este mércores a situación das profesionais de enfermería da unidade de Medicina Interna do Hospital Público da Mariña que traballan co programa informático Silicon para administrar a medicación, rexistrar constantes vitais, glucemias, etc.
“O problema”, expón a central, “radica en que a implantación do devandito software non está acompañado polas necesarias medidas de materiais informáticos en condicións”, neste caso ordenadores portátiles para facilitar o traballo.
DE CATRO ORDENADORES PORTÁTILES SO DOUS ESTÁN OPERATIVOS.
O sindicato nacionalista alerta que das catro computadoras portátiles existentes para prescribir, administrar e rexistrar a medicación, “un dispositivo está estragado dende o nadal e sen arranxar, e outro dende este martes 28 de xaneiro”. A Xerencia do Hospital da Mariña deféndese dicindo que non hai diñeiro para renovar os computadores, explica a CIG-Saúde.
O programa Silicon permite evitar o papel no proceso de prescrición e administración de fármacos dentro do hospital “pero a súa implantanción ten que ir acompañado de computadoras portátiles en perfecto estado”. Por iso, a central esíxelle ao Sergas a renovación inmediata dos dispositivos, lembrando que o software é “a única ferramenta informática para prescribir, administrar e rexistrar a medicación e outros parámetros“.
CONSECUENCIA ASISTENCIAS.
A unidade de Medicina Interna ten 38 camas, catro profesionais de enfermaría en quenda de mañá, tres en quenda de tarde e dous na quenda de noite.
“A falta de ordenadores portátiles nunha unidade de hospitalización xa de por si con sobrecarga asistencial provoca atrasos na administración de medicamentos, do rexistro de constantes vitais, glucemias e outros parámetros que son rexistrados dixitalmente”, explican, “véndose afectados tamén os pacientes ingresados”.
PIDEN A RENOVACIÓN DOS EQUIPOS
A este respecto, a CIG lembra que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) fixo público non hai moito tempo un investimento para renovar o parque de computadores e impresoras, “mais a realidade é que á precariedade laboral da enfermería no noso hospital, agora témoslle que sumar a obsolescencia informática”, sinalan.
Desde CIG pregúntanse se estes son os máis e mellores servizos e a “alta tecnoloxía” que o Partido Popular anunciou para o Hospital da Mariña e “onde están os cartos prometidos” para a renovación dos equipos informáticos.
O sindicato nacionalista solicita un banco de ordenadores para solventar estas situacións, algo inexistente xa que non hai ningún portatil de reserva no centro hospitalario, e así ter sempre en reserva ordenadores portátiles.
Para rematar o sindicato nacionalista galego advirte que está situación é consencuencia da perda de autonomía e orzamento propio do hospital mariñao froito das políticas do PP. “Lugo recibe os orzamentos e decide sobre o reparto dos mesmos quedando sen capacidade de decisión o Hospital da Mariña”, concluen.