Foz, 31 de xaneiro, 2020. Este venres, día 31 de xaneiro, celebramos no Colexio Martínez Otero de Foz, con numerosas actividades adaptadas aos diferentes niveis, o “Día da Non Violencia e a Paz”. Nesta data, que para nós é cada día do ano, facemos fincapé na necesidade de que a educación sexa un dos mellores mecanismos para a transmisión de valores como a tolerancia, a solidariedade, o respecto aos Dereitos Humanos, a non violencia e a paz.
Nesta xornada, lúdica e festiva, realizamos unha serie de actividades adaptadas a todos os niveis. Celebramos unha Eucaristía pola Paz, limos un manifesto elaborado polo propio alumnado, ceibamos as pombas da paz e tamén lanzamos a nosa mensaxe de paz, guiada por uns globos biodegradables, que esperamos que chegue ben lonxe etc.
Ademais, como novidade, este ano fixemos un xogo colaborativo desde 3º de Primaria ata 4º de ESO polas rúas da nosa vila. O alumnado dividido en grupos, e guiado por un profesor, debía superar unha serie de probas ata ser capaz de completar as quince no menor tempo posible. Este xogo, no que colaboran moitos establecementos locais (a quen lles reiteramos as grazas), fixo as delicias dos máis pequenos.