Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela estará presente un ano máis na Feira Xantar, que se celebra en Ourense do 5 ao 9 de febreiro

 Burela, 31 de xaneiro de 2020. Burela estará presente un ano máis na Feira Xantar, que se celebra en Ourense do 5 ao 9 de febreiro. O día 7 estará dedicado ao mar e Burela ofrecerá unha degustación dos seus produtos típicos. O Concello vai poñer un autobús con 55 prazas para que os veciños e veciñas que o desexen poidan desprazarse ata a cidade das burgas para asistir a esa cita do 7. As persoas interesadas deberán anotarse no Concello, onde tamén se lles facilitará a entrada de acceso a Xantar. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, explicou que “os que queiran ir á feira pola súa conta tamén terán entrada pasando a recollela polo Concello”.
O edil anunciou que “para a semana que ven, entre os días 5 e 9, vaise celebrar no recinto feiral de Expo Ourense, a Feira Xantar, referida a poñer en valor os produtos gastronómicos das distintas zonas de Galicia, incluso de Portugal. Alí o Concello de Burela vai ter ou seu stand e tamén imos ser honrados con poder participar o venres, día 7, ás doce e media, no Día do Mar e o alcalde poderá expoñer diante de todo o mundo as excelencias gastronómicas de Burela e destacar os puntos turísticos que temos no noso concello”.
Ramiro Fernández contou que “como fixemos o ano pasado, dado o éxito que tivo, imos poñer un autobús a disposición dos veciños e veciñas de Burela. Estes días mandaremos un correo a todas as asociacións para aquelas que queiran participar con algún dos seus membros nesta viaxe. O autobús sairá ás oito e media da mañá da estación de autobuses de Burela e regresará a media tarde. O ano pasado tivo moito éxito, o autobús encheuse, á xente gustoulle moito pasar ese día na feira e este ano repetimos a experiencia”.
O concelleiro de Turismo agarda que “a Feira Xantar se desenvolva ben, é unha feira que nos gusta e que é positiva para Burela e esperamos que teñamos éxito e que poidamos seguir promocionando tanto Burela como os seus produtos gastronómicos nesa feira”.
Fernández Rey subliñou que “o 7 é o día dedicado ao mar e imos facer unha degustación de produtos típicos de Burela. Imos poñer no noso stand unha serie de produtos para degustar e invitamos tanto á xente de Burela como á que pase pola feira a estar alí e poder probalos”.

Exit mobile version