Balseiro participou na presentación da oferta turística da Mariña lucense que tivo lugar no stand da Xunta na Feira Internacional de Turismo. Neste marco, sinalou que “este é o sétimo ano consecutivo no que se rexistra un aumento da demanda hoteleira na comarca”, o que conleva máximos históricos, contabilizando 318.000 noites nos establecementos hoteleiros no 2019 -excluído decembro- fronte ás 192.000 noites do 2012.
O delegado sinalou que a Xunta de Galicia “cre, defende e apoia a potencialidade turística da comarca” e aludiu á necesidade de desestacionalizar a oferta porque “cada estación ten o seu encanto na Mariña e merece a pena experimentalo”. Con este obxectivo, engadiu, “desenvólvense actividades ao longo de todo o ano que complementan a experiencia do turismo de natureza, con paisaxe de mar e montaña, e gastronómico que poden disfrutarse en calquera momento”.
A Consellería de Cultura e Turismo financia estas iniciativas a través dun convenio bianual polo que achega 160.000 euros á Mancomunidade de Municipios da Mariña -que xestiona o xeodestino- para o desenvolvemento de accións de dinamización turística.