Lugo, 25 de xaneiro de 2020-. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que un total de 88 familias galegas melloraron o seu fogar grazas ao acceso a unha axuda ás Áreas de Rehabilitación Integral do Camiño de Santiago.
A conselleira visitou esta mañá en Lugo unha vivenda que resultou beneficiada neste programa de axudas, e grazas ao cal se colaborou para que “unha casa en ruínas sexa agora o fogar dunha familia”. Nese sentido, recordou que ao abeiro da convocatoria de 2019 deste programa concreto-convocada en xullo- ás máis de 80 familias que se beneficiaron destas subvencións, recibiron un importe de case 635.000 euros. Saleintou que, precisamente, a provincia de Lugo é a área na que máis axudas se concederon, son 33 familias as beneficiarias cun importe total de 217.678 euros.
Ángeles Vázquez adiantou que este mesmo ano, o Goberno galego manterá os seu esforzo e volverá a convcar as axudas para as Áreas de Rehabilitación Integral Supramunicipal, é dicir, as do Camiño de Santiago e do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia.
Recordou que estas liñas de actuación en materia de rehabilitación son un xeito de apoiar o rural galego, xa que no caso dos demandantes menores de 35 anos que rehabiliten as súas vivendas ao abeiro destas axudas en concellos de menos de 5.000 habitantes, o importe da subvención poderá chegar ata os 20.000 por inmoble.
Grazas a este xeito de actuar, ponse en valor o noso patrimonio paisaxístico e cultural, así como coidar e revitalizar o que xa está construído; e un claro exemplo da posta en valor do patrimonio paisaxístico é o antes e despois da rehabilitación do fogar da familia de Lugo, visitado esta mañá.
A conselleira lembrou que o Goberno galego puxo en marcha plans para invitar aos cidadáns a levar a cabo accións de rehabilitación, pero tamén hai programas para que sexan os concellos os que leven a iniciativa; como por exemplo, as medidas específicas para fomentar a rehabilitación de edificios de titularidade municipal, en concellos de menos de 20.000 habitantes, coas axudas para a rehabilitación de antigas casas de mestres e outros oficios. Estas liña de axudas leva tres convocatorias nas que contou cun importe total de 3,72 millóns de euros.
Outra das medidas de apoio aos concellos é o Fondo de Cooperación para concellos de menos de 50.000 habitantes, que lles permite dispoñer de crédito sen xuros para executar actuacións de rehabilitación ou adquirir inmobles a rehabilitar; ou o programa REXURBE, no está incluído a cidade de Lugo, que se centra en recuperar e revitalizar os nosos cascos históricos.