Site icon Crónica3.com A Mariña

APAGA continúa este sábado coas fins de semana tecnolóxicas. Ribadeo acollerá a finais deste mes unha reunión con profesores europeos, que coordina a asociación, sobre o vehículo eléctrico

 Ribadeo, 16 de xaneiro de 2020. A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) continúa este sábado, 18 de xaneiro, coas súas fins de semana tecnolóxicas. Ribadeo acollerá a finais deste mes unha reunión transnacional na que participarán 25 profesores de diferentes países europeos e na que se abordará o proxecto, que coordina a asociación, sobre o vehículo eléctrico.
O presidente de APAGA, Álvaro Doural, anunciou que “imos empezar coas actividades de 2020 este sábado, xornada na que vai haber un curso de pintura de nivel II. Xa houbo o nivel I, tivo moito éxito, e a propia xente que estivo solicitou outro curso de máis nivel. O día 25 imos volver repetir un curso, que xa se fixo, de manexo de osciloscopio. O día 8 de febreiro teremos un curso de hidráulica, que está en fase de presentación de solicitudes”.
Doural subliñou que “este ano vai ser bastante intenso a nivel de Erasmus+. A finais deste mes vai haber unha reunión transnacional dun proxecto que temos de innovación que leva APAGA, empezou en Zagreb fai uns meses, e vai durar toda a semana. Vai haber profesores de Romanía, Lituania, Italia, Portugal, Turquía e Croacia, coa temática que se está traballando que é a do vehículo eléctrico. Será un grupo de 25 profesores. Esta xuntanza vaise celebrar na Granxa Escola Pedro Murias. Creo que a experiencia deste ano do VIII Fórum foi moi boa. O sitio é formidable e o persoal vólcase con este tipo de actividades. Creo que é un lugar onde se está moi a gusto e nós podemos poñelo en valor e que teña máis visibilidade da que ten neste momento. Tamén a finais de febreiro haberá un curso de climatización, que está aínda sen presentar”.
O presidente de APAGA engadiu que “a partir de febreiro imos empezar tamén a desubicar un pouco os cursos de Ribadeo e imos comezar a utilizar outras poboacións como Coruña, cidade na que está bastante avanzado o tema, e tamén en Pontevedra, onde posiblemente vamos empezar xa. Estamos abertos a outro tipo de situacións aínda que en Ribadeo seguirá habendo un potencial importante a nivel de formación e doutro tipo de actividades”.
Álvaro Doural adiantou que “se vai crear ademais un seminario permanente de apoio aos socios ou a aquelas persoas ás que lles interese. Este ano é un ano de oposicións e vaise crear un seminario para apoiar a esta xente que está preparando as oposicións da nosa familia profesional de transporte e mantemento de vehículos. É unha cousa absolutamente novidosa. Estará dirixido por expertos de empresa e nalgún caso profesores, pero principalmente por expertos de empresa que veñen aportar o seu coñecemento que é importante”.
Finalmente o presidente de APAGA contou que “se está traballando neste momento xa nas convocatorias 2021 de Erasmus+ tanto de mobilidade como de innovación. Están sendo días de moito traballo e moi intensos”.

Exit mobile version