Site icon Crónica3.com A Mariña

Ana Ermida asistirá a Fitur coa idea de poñer a Barreiros no mapa por si mesmo

 Barreiros, 21 de xaneiro de 2020. Esta semana celebrase en Madrid a feira de FITUR, unha das feiras de turismo máis importantes do mundo. O Concello de Barreiros estará representado pola alcaldesa, Ana Ermida, xunto co concelleiro de dinamización e participación veciñal, Daniel García. Tamén asistirá unha delegación da asociación de hostalaría barreirense que acompañará ao Concello nas citas e reunións fixadas.
A rexedora dixo que “na mañá deste mércores viaxaremos a Madrid e xa na tarde teremos a primeira reunión de traballo coa revista Grandes Espacios, unha revista de publicación mensual que descobre os recunchos máis interesantes e descoñecidos do noso país. Logo para o xoves e venres temos programadas varias xuntanzas con empresas turísticas, así como a asistencia aos actos organizados pola Mancomunidade da Mariña Lucense”.
Para Ana Ermida “é importante promover o Barreiros menos convencional, o Barreiros de natureza, de deporte, de escapadas rurais, con andainas que descubran os recunchos máis fermosos do municipio. Aproveitar o tirón que está a ter o Camiño de Santiago e que atravesa o noso Concello. Temos suficientes atractivos como para poñer Barreiros no mapa por sí mesmo”. A alcaldesa engadiu que “para Fitur levamos material editado que pon en valor os recursos existentes no noso concello, a este material decidimos poñerlle un código QR a través do cal cun dispositivo móbil poderase enlazar a páxina web municipal e ver toda a información dunha maneira moito máis dinámica”.
Ermida quixo lembrar que “Dende o Concello de Barreiros estamos a traballar nun apartado da web municipal adicado a hostalaría e o turismo, no cal, queremos que aparezan reflexados todos establecementos do municipio clasificados por categorías. Para iso deben poñerse en contacto con nós e facilitarémoslles un formulario que deberán cubrir con datos básicos do establecemento”.

Exit mobile version