Cervo, 29 de xaneiro, 2020. O alcalde cervense recibiu esta distinción das mans de Mariví Monteserín, alcaldesa de Avilés, nun evento no que tamén foron homenaxeados Laureano García Diez, presidente da Federación de asociaciones del Camino de Santiago Norte de España e Ana María Fernández Grela, presidenta do Lar Galego de Avilés.
Este premio Comensal de Honra Álvaro Cunqueiro ten como obxectivo promover a figura do escritor, periodista e gastrónomo Álvaro Cunqueiro, nacido en Mondoñedo, así como fomentar a fraternidade entre Galicia e Asturias.
Villares sentiuse agradecido pola distinción e sinalou os fortes vínculos que unen a terra de Avilés co pobo de Cervo. Sinalou que “a industria do aluminio foi fundamental na creación dos lazos que unen as nosas terras e que fan que moitas familias de Avilés leven vivindo no noso Concello durante tantos anos”.