Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta investiu case 1,2 m € nos últimos anos en diversas actuacións no Concello de Cervo a través das axudas da Vicepresidencia

Cervo, 10 de xaneiro de 2020. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe o concello de Cervo para coñecer co seu alcalde, Alfonso Villares, as actuacións levadas a cabo neste municipio ao abeiro das ordes de axudas da Vicepresidencia, que nos últimos anos supuxeron un investimento aos 1,2 millóns de euros.
O Goberno galego achegou o ano pasado 33.837 euros para a rehabilitación do ximnasio municipal anexo á piscina do concello a través da Orde de Infraestruturas de uso público. A Xunta e o concello de Cervo colaboraron neste proxecto que inclúe a substitución dos materiais da cuberta e dos canalóns e baixantes, así como o saneado e pintado das estruturas metálicas e os parámetros verticais do local. Ademais, renovouse o pavimento coa colocación de materiais máis adecuados para a práctica dos exercicios.
Alfonso Rueda destacou que o concello de Cervo é un exemplo de que a colaboración entre a Administración autonómica e local redunda de forma positiva na mellora de calidade de vida dos seus veciños. No caso de Cervo incidiu tamén na súa colaboración con outras entidades locais para compartir servizos e optimizar recursos a través da Mancomunidade da Mariña á que pertence, que foi recoñecida en dúas ocasións cos Premios Coopera.
A Administración autonómica ten colaborado co concello de Cervo nos últimos anos con axudas procedentes da Orde de Infraestruturas ou o Fondo de Compensación Ambiental para executar melloras en parques infantís, rúas, recintos deportivos, así como a adquisición de equipamento para labores medioambientais ou actuacións no alumeado público e de saneamento en varios núcleos.
A través da liña de subvencións para infraestruturas de uso público, a Xunta vén apoiando desde 2009 aos concellos galegos na mellora das dotacións existentes de infraestruturas básicas e na creación reforma dos servizos municipais. A convocatoria para este ano, que primará os proxectos de cubrición de parques infantís, conta cun orzamento de catro millóns de euros, o que supón un incremento dun millón de euros máis respecto ao ano anterior.

Exit mobile version