O delegado territorial da Administración autonómica, José Manuel Balseiro, estivo hoxe no municipio xunto co alcalde, Manuel Requeijo -entre outras persoas- para comprobar o resultado dun destes proxectos, que consistiu na realización de obras de acondicionamento da planta baixa do centro de interpretación medioambiental, coñecido como a antiga Casa do Médico e situado na avenida Unión Murense.
Os traballos tiñan por obxecto mellorar as condicións deste local, coa instalación de calefacción por solo radiante; a reforma do espazo para permitir unha maior funcionalidade e variedade de usos e a mellora das instalacións de electricidade e iluminación.
Outra das actuacións promovidas con cargo a este fondo é a dotación de abastecemento de auga aos núcleos da Xestosa (Abidueira, Armada, As Bouzas, Casanova da Xestosa, Coto, Couce, Curralvello, Furco, Pico Verde, A Rega, Rego da Parede e Vilar da Xestosa); ademais da execución de melloras na rede de abastecemento ao núcleo da Paleira. Así mesmo, programouse outra actuación para prover de sistemas de desinfección os depósitos de regulación de Viveiró e Silán.
Tamén se proxectaron actuacións no punto limpo, incluída a subministración de contedores metálicos para a recollida de residuos e a instalación dun peche do recinto con porta de acceso.
Por último, con cargo aos gastos de funcionamento achéganse fondos para cubrir durante un período de catro meses os custos salariais de persoal encargado das labores municipais de protección ambiental e paisaxística, en concreto un posto de persoal técnico, un de auxiliar administrativo e cinco peóns forestais.
Balseiro concluíu que este conxunto de medidas busca “mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas e propiciar que a cidadanía desfrute en todo o territorio dun entorno axeitado para vivir e para traballar”.