Lugo, 28 de febreiro de 2020.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, agradeceu o labor dos radioafeccionados que colaboran con Protección Civil durante o acto de entrega de diplomas concedidos a membros deste colectivo de toda a provincia que forman parte, desde hai varias décadas, da Rede Nacional de Radio de Emerxencia. No acto, que tivo lugar esta mañá na Subdelegación do Goberno, estiveron presentes tres dos cinco homenaxeados: Juan L. Álvarez Méndez, Luis Chao López e Francisco J. González Rodríguez.
Isabel Rodríguez expresoulles o recoñecemento “de Protección Civil, do Goberno de España e de todos lucenses” e indicou que “o voso compromiso social é un exemplo, pois poñedes a afección que compartides os radioafeccionados ao servizo de toda a sociedade, á que lle ofrecedes o voso tempo, coñecemento e recursos, especialmente en situacións nas que unha colectividade se sinte máis vulnerable, como son as situacións que atende Protección Civil”.
A subdelegada concluiu que “esta pequena homenaxe que vos facemos é moi merecida e, ademais de darvos as grazas, quero animarvos a que continuedes co voso labor a través da Rede Nacional de Radio de Emerxencia”.
O Ministerio do Interior, a través da Dirección Xeral de Protección Civil, concedeu cinco diplomas en recoñecemento á labor doutros tantos lucenses que forman parte da Rede Nacional de Radio de Emerxencia, que constitúe unha alternativa ao sistema habitual de comunicacións para situacións de emerxencia.
MÁIS DE 25 ANOS DE COLABORACIÓN
Un dos homenaxeados recibiu o diploma en gratitude por 25 anos de colaboración con Protección Civil. Trátase de Francisco J. González Rodríguez, da Pobra do Brollón, que ingresou na REMER en 1994.
Luis Chao López, que é veciño de Trabada, recibiu o diploma que o distingue por 20 anos de colaboración, xa que ingresou en 1999.
Juan L. Álvarez Méndez, de Lugo, foi recoñecido polo apoio dado durante 10 anos, pois ingresou na Rede Nacional de Radio de Emerxencia en 2009.
Ademais, fóronlles concedidos cadanseus diplomas a José A. Amor Fernández, de Trabada, que forma parte da Rede Nacional de Radio de Emerxencia dende 1994, por 25 anos de colaboración, e a Esther Valle Ares, veciña de Abadín, por 20 anos, dado que ingresou na REMER en 1999.