Lugo, 10 de xaneiro de 2020. A antiga escola de Adelán, en Alfoz,
acollerá a partir do vindeiro luns, 13 de xaneiro, a mostra “Culturas en
Diálogo. Lugo-Arxentina” da Rede Museística Provincial. A exposición
organizada pola Rede Museística en colaboración coa asociación de
Inmigrantes e Retornados Rioplatenses en Lugo, recompila material
fotográfico e documental arredor da emigracion galega a América.
O obxectivo é poñer en valor os testemuños, en clave intercultural, das
relacións entre diferentes xeracións polo que, paralelamente á
exposición, se organizan actividades dirixidas especialmente ao aos
centros escolares. Así, na inauguración da mostra, ás 12:00 horas,
estará presente o alumnado do CEIP de Alfoz que, a continuación,
participará nun obradoiro sobre a migración.
Ademais, ao longo da semana, Silvia Fiallega Lorenzo impartirá unha
conferencia no IES Alfoz-Valadouro sobre o imaxinario e os estereotipos
da emigración galega a América.
Visitas
A mostra poderá visitarse en Adelán os xoves e os domingos, de 17 a 19
horas ata o 2 de febreiro, grazas á colaboración da Asociación de
Veciños de Adelán. Fóra desas datas, as visitas deberán concertarse a
través do Concello de Alfoz (650119367).
Mostra itinerante
“Culturas en Diálogo. Lugo-Arxentina” é unha mostra con vocación
itinerante. Tras comezar o seu periplo nas escolas de emigración de San
Miguel de Reinante, en Barreiros, chegará á parroquia alfocense.
A Rede Museística ofrece a exposición aos centros escolares e concellos
da provincia, co obxectivo de motivar entre o alumnado e a veciñanza
actitudes antixenófobas.