Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma pro Residencia de Ribadeo está cubrindo os pasos para fundamentar a Asociación pro maiores José Mª Rodríguez

 Ribadeo, 8 de xaneiro, 2020. A Plataforma pro Residencia de Ribadeo pouco a pouco está cubrindo os pasos para fundamentar a Asociación pro maiores José Mª Rodríguez, ó tempo que prepara o camiño para que outras persoas, máis relacionadas coa actualidade da residencia xa en funcionamento, tomen as rendas do acompañamento da nova entidade de coidado dos nosos maiores.
A finais de ano foi recibido polo grupo xestor a aprobación dos estatutos e a inscrición da nova asociación, co nº 2019/023831-1ª, pola Xefatura territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Así pois, a partir de agora a Asociación pro maiores José Mª Rodríguez poderá comezar a funcionar. Como primeiro acto despois da legalización, foi prevista xa con anterioridade unha xuntanza nos locais da nova residencia o día sábado 1 de febreiro ás 6 da tarde, para o que foi pedida autorización de uso ó concello o pasado día 23, estando á espera de resposta.
Asemade, xa comezou a ser distribuída a folla de inscrición, que se recollerá na antedita xuntanza, na que se espera comezar a acordar tarefas e a distribución para as xestións administrativas que aínda faltan por facer.
Como nas ocasións anteriores, convídase á asistencia a toda persoa -teña algún familiar na residencia ou non- ou asociación interesada en colaborar para que os nosos maiores teñan a mellor calidade de vida.

Exit mobile version