Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mesa inicia o ano animando ao uso do galego no comercio

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2020. A Mesa pola Normalización Lingüística presentou esta mañá en Compostela a campaña de difusión do proxecto Abertos ao galego, que conta cunha aplicación para xeolocalizar e para valorar os establecementos que utilizan o galego e que este 2020 distribuirá entre os máis de 600 comercios referenciados un sinal identificativo co texto Aquí usamos o galego. A entidade anima a cidadanía a apoiar as empresas que empregan a nosa lingua e anuncia que distribuirá entre os comercios materiais informativos con 5 motivos para usar o galego e 18 pautas para conseguilo con éxito.

Marcos Maceira, presidente da Mesa, asegurou na presentación da campaña que na entidade de defensa da lingua “somos conscientes das dificuldades coas que se encontra o empresariado á hora de utilizar o galego con toda normalidade” e abundou que os problemas van “desde a inexistencia de programas informáticos até os limites legais”. A este respecto, Maceira sinalou que “entre as 500 disposición legais que no Estado obrigan ao uso do castelán, a metade refírense ao ámbito do comercio e consumo”. “O empresariado que utiliza o galego”, afirmou, “dá mostras de compromiso co país e coas persoas consumidoras, sen ningún apoio institucional e cunha Xunta que se abstén de cumprir as súas obrigas de promoción do idioma, o que inclúe facilitar o seu uso ao empresariado”. “O plan de uso do galego no ámbito socioecoómico”, asegurou, “morreu o mesmo día que se anunciou”. “Por iso”, rematou Maceira, “son entidades sociais como A Mesa quen asumen as responsabilidades da Xunta, con toda modestia de recursos mais tamén con toda a dignidade”.

Celia Armas, directora de Abertos ao Galego, afirmou que “como persoas consumidoras tamén temos a responsabilidade de apoiar quen si cumpre coa lingua” e recordou que “hai dificuldades que sen o apoio da administración pública son moi difíciles de superar, mais tamén hai moitos outras que son posíbeis de traspasar axudándonos entre nós”. “Ese é o espírito de Abertos ao Galego”, concluiu.

A aplicación Abertos ao galego presentouse a finais de 2018 e xa conta con máis de 600 estabelecemento de toda Galiza referenciados. A App permite localizar as empresas que utilizan o galego por sectores e valorar o uso da lingua para que as persoas responsables poidan introducir melloras. “O obxectivo fundamental”, segundo recordou Armas, “é facilitar e priorizar a utilización destes estabelecementos”.

Para abundar neste obxectivo, A Mesa distribuirá polas cidades e vilas de Galicia tamén material informativo sobre “5 motivos para usar o galego”, como diferenciarse da competencia e xerar cota de mercado, e mais “18 pautas para facelo con éxito”, como contar co compromiso transversal de todo o equipo. A entidade ofrece, tamén, toda a axuda e experiencia como colectivo social con 34 anos de experiencia e a primeira en desenvolver accións deste tipo entre o empresariado.

Exit mobile version