Llano contou que “fixemos unha presentación bonita, atractiva, espectacular, moi ilustrativa, con información clara porque proxectamos 5 vídeos, que representan outros tantos proxectos de turismo slow”.
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña dixo que “na miña intervención destaquei que as necesidades de agora contemplan traballar dunha maneira, fluída, repartida e diversa, de acordo aos obxectivos de Nacións Unidas respecto ao medio ambiente. Nosoutros queremos tamén que se respecte o medio ambiente, que teñamos unha cantidade de turismo que se sinta a gusto e que sexa partícipe do coidado da natureza”.
E engadiu que “houbo 5 propostas de turismo slow e eu defendín o referido ao Norte de Galicia, no que nosoutros compartimos espazo con Ferrolterra. Pero na Mariña temos 28 establecementos de turismo slow, todos con características comúns, que son o seu tamaño, o seu respecto ao medio ambiente, a recollida de residuos e todo o que fan é sostible. Polo tanto representan unha forman de proceder para un turismo moi selectivo. Tamén falamos das xeorutas, das rutas de artesanía, da ruta da faba e tamén das guías teatralizadas dos tres Concellos que as teñen: Viveiro, Ribadeo e Mondoñedo”.
Alfredo Llano subliñou que “houbo moita xente. Este ano é espectacular os visitantes que hai en Fitur. Levo vindo 5 anos e nunca tanta xente vin no recinto feiral de Fitur”.
Na presentación participaron o presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, que centrou a súa intervención no Turismo Slow Norte de Galicia; a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, que falou das Rutas de Artesanía e da Ruta da Faba; e o concelleiro de Turismo de Ribadeo, Pablo Vizoso, que se centrou nas Audioguías Ficcionadas e nas Xeorutas. Todas elas experiencias coas que coñecer e desfrutar en profundidade do xeodestino, dunha forma sostible e respectuosa, apostando polos valores diferenciais e imbuíndose na cultura local.
Tania Hermida, a axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, comentou que “durante a presentación tiveron especial protagonismo a figura do anfitrión no xeodestino, clave tamén na filosofía do turismo slow, xa que ademais dos tres representantes que participaron por parte da Mancomunidade, persoas vinculadas ás 5 experiencias puxéronlles voz con pezas de vídeo de 1 minuto de duración. Eles foron os encargados de introducir as experiencias que logo ampliaron os poñentes nas súas intervencións. Deste xeito quixemos resaltar tamén a parte hospitalaria e única na que a xente local contribúe a facer destino”.
O traballo da Mancomunidade en Fitur vai máis aló xa que “estivemos hoxe e estaremos mañá mantendo reunións con operadores turísticos co obxectivo de presentarlles tanto a variedade de recursos coma de produtos e servizos turísticos do xeodestino da Mariña lucense”.