Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación esixe que a Xunta garanta o futuro dos hospitais comarcais na provincia de Lugo

Lugo, 28 de xaneiro de 2020. A Deputación de Lugo esixe que a Xunta de Galicia garanta o futuro dos hospitais comarcais na provincia. Logo do peche do paridorio de Verín, levado a cabo polo Goberno autonómico, a institución provincial quere blindar os centros sanitarios de Burela e Monforte de Lemos para que non tomen un rumbo semellante. A moción presentada polo PSdeG contou cos votos a favor do BNG. 

“Queremos darlle traslado á Xunta deste asunto para ter coñecemento sobre o mesmo e saber se van aplicar o mesmo modelo para os nosos hospitais comarcais”, explicou a voceira provincial socialista, Pilar García Porto. “Vostedes tomaron unha decisión política e rectifican pola mobilización popular. Están nunha tesitura difícil porque se aproximan eleccións autonómicas”, reprochou Porto. Engadiu a voceira socialista que primeiro a Xunta infradotou o servizo, logo derivou aos doentes con risco a outros centros e logo xustificou o seu peche polo descenso de partos. Algo que García Porto cualificou de “espiral perversa” do Partido Popular. A Deputada criticou tamén a fórmula do “consentimento informado” que teñen que asinar as futuras nais en Verín, “unha especie de ameaza da Xunta, porque queren que collamos medo para baleirar os hospitais comarcais”.

Por outra banda, a Deputación de Lugo tamén sacou adiante un decálogo de medidas en defensa da sanidade pública. O PSdeG e o BNG votaron a favor de frear o deterioro que sofre o sistema sanitario galego provocado polos recortes do PP.

A voceira do grupo socialista asegurou que “a política sanitaria da Xunta baséase nos recortes de recursos e orzamento, nas desigualdades asistenciais segundo onde se resida, no desmantelamento de hospitais comarcais, no abandono dos centros de atención primaria, na ocultación e manipulación das listas de espera, na precarización e explotación do persoal, recorte de camas hospitalarias, privatización e externalización de servizos esenciais, derivacións de doentes a centros privados ou a desatención clamorosa da saúde mental e das mulleres”.

García Porto afirmou que as políticas do Partido Popular na Xunta de Galicia levan á sanidade pública a un punto de difícil retorno e que paralas é obrigación de todos e todas. 

Entre os acordos adoptados polo Pleno da Deputación de Lugo están o de apoiar a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o vindeiro día 9 de febreiro en Compostela; esixir o cese da política de desmantelamento e peche de servizos nos hospitais das Áreas Sanitarias da provincia; revisar os concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar aqueles que non sexan necesarios, tal como dispón a Lei Xeral de Sanidade, ou reducir as listas de espera e tempos de demora das consultas de atención hospitalaria, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos.

Augasmestas
En resposta á pregunta do Partido Popular sobre as actuacións levadas a cabo pola Deputación de Lugo durante os tres últimos meses en relación co complexo de Augasmestas, situadas no Concello de Quiroga, Pilar García Porto explicou que en maio de 2019 acordouse o procedemento de caducidade do expediente de concesión demanial sen que se asinase o contrato por parte do adxudicatario. Tras iso, o adxudicatario presentou alegacións sobre o acordo da Xunta de Goberno, que foron contestadas en decembro de 2019. “Na actualidade estase a resolver a finalización do proceso contractual coa incautación da garantía correspondente ao adxudicatario e posteriormente realizaranse as actuacións necesarias, tras os diferentes actos vandálicos e deterioro consecuente da non conservación, e a conseguinte licitación”.

Servicios ferroviarios na provincia
O PSOE votou ademais en contra do que cualificou como “manipulación e oportunismo” do Partido Popular, que levou ao pleno unha moción para instar ao Goberno de España a mellorar as infraestruturas e servizos ferroviarios de Lugo. “Vostedes, que gobernaron os últimos 7 anos, ¿onde estaban?”, preguntou o Presidente da Deputación, José Tomé. Denunciou Tomé que segundo o Tribunal de Contas, designado cando gobernaba o popular Mariano Rajoy, a ex ministra Ana Pastor cancelou 109 contratos, deixáronse de investir máis de 3.500 millóns de euros e houbo que pagar indemnización ás empresas afectadas de más de 500 millóns de euros. “No ano 2016 o Adif non conseguira ningún dos obxectivos fixados. O PP paralizou as obras do AVE, porque paralizaron os contratos. O partido socialista constrúe mentres o PP paraliza”, engadiu o Presidente.

Exit mobile version