A Concellería de Medio Ambiente, Patrimonio e Medio Rural do Concello de Foz celebra o Día dos Humedais coa exposición: Galiza conservando a natureza
redac
Foz, 22 de xaneiro de 2020. A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Foz continúa no ano 2020 promocionando o noso medio natural. Co gallo do día dos humedais o vindeiro 2 de febreiro e sendo o noso Concello parte da Rede Natura 2000, cremos de interese para toda a veciñanza e visitantes esta exposición. A natureza galega é un mosaico de paisaxes de costa e montaña, densas fragas e chairas extensas, rías onde conflúen os ríos e o mar, queirugais, matos e lagoas. Acóllese así unha importante diversidade de especies animais e vexetais. Esta exposición presenta ao gran público a diversidade e singularidade dos nosos espazos naturais protexidos, permite concienciar á poboación sobre a importancia da conservación do medio natural e o seu propio papel na preservación da natureza e das súas especies. Entre o 27 de xaneiro e o 17 de febreiro no CENIMA as visitantes poderanse sorprender coa cantidade e diversidade de espazos protexidos declarados en Galiza, entenderán o significado das figuras de protección e o que conlevan, e desenvolverán actitudes de responsabilidade fronte a conservación ambiental.