Site icon Crónica3.com A Mariña

“Un artigo máis sobre mouras e patrimonio”, por Emilia Maseda

Alí, no cumio dese monte coroado de eucaliptos esfiañados polo vento, vivía unha moura que facía caldo de castañas nunha ola de ouro mentres gardaba un castro.
Ninguén o lembra xa, pois as follas de fouce dos eucaliptos son un pano de verdes billetes sobre o maxín do pasado.
As mouras hai moito tempo que marcharon, e os seus encantamentos, que eran como a tradución mística e máxica da idea da existencia de algo pasado, valioso e importante, esvaéronse.
Así, a xeografía galega, espida dese veo máxico, é capaz de explotarse a si mesma como un presente onde a palabra “sacro”, é máis lastre que ancoraxe.
Aclaro, antes de continuar a miña divagación, que sacro ou sagrado é un concepto que vai máis aló do puramente relixioso. Sagrado é un conxunto de ideas e sentires que emanados de algo superior ó individuo humano, evita a profanación do valioso e ordena as actividades humanas. O sagrado é capaz de manter a paz interna dun pobo, a súa cohesión e a súa identidade.
Coas mouras exiliadas, o carácter sagrado das olas de ouro (que na nosa linguaxe virían a ser os bens arqueolóxicos) desapareceu en beneficio de cultos máis tanxibles e materiais: urbanismo, monocultivos alóctonos, …
Correspóndelle ós iniciados no coñecemento do patrimonio arqueolóxico (e patrimonio cultural en xeral) volver a trazar unha xeografía sagrada que resalte o valor destes bens en termos comprensibles para os novos deuses: o valor como recurso turístico e didáctico, ordenador urbano, etc …
É hora de deixar de falar de meras agresións ó patrimonio, de entristecernos pola súa perda e o seu abandono. É hora de tomar o lugar das mouras, é hora de devolverlle o valor á nosa identidade pasada para poder artellar un presente enraizado que permita un crecemento coherente no futuro.

Exit mobile version