A proposta popular foi defendida por José Antonio García. Mostrouse moi crítico co modo de actuar do goberno provincial neste asunto: «O que fixo neste Nadal foi enganarnos a todos, aos traballadores os primeiros. A iso se dedicaron vostedes, porque o que fixeron foi un atropelo incumprindo todo o que dixeron». Engadiu: «Dá moita tristura escoitar que cando goberna a esquerda goberna pensando nas persoas; e eu digo que será nas súas propias persoas, porque non pensaron moito nos 20 traballadores que levan vinte anos en Suplusa; moita pena non lles deben dar».
García tachou de «esperpento» o que leva feito o goberno provincial en pouco máis de catro meses en Suplusa. Nesta liña, dixo: «Empezaron anunciando un acordo de goberno no que ía incluída a liquidación de Suplusa, empresa pública 100% luguesa, de funcionamento exemplar». Tivo duras palabras para os deputados do Bloque: «Señores do BNG, vostedes que defenden o emprego público agora apoian a compra [dunha acción] do que dicían que era o maior chiringuito de España, Tragsa; vostedes, os que ían adelgazar a Deputación de Lugo, os que dan exemplo de progresismo, o que acaban de facer en catro meses é tomarlle o pelo a toda a provincia e de xeito máis duro aos traballadores de Suplusa. Nin adelgazan nin modernizan nada, porque ao que lle chaman modernizar é contratar a Tragsa, da que vostedes din, noutros sitios, que é un chiringuito». García asegurou: «Destinan máis de 400.000 euros para pouco máis de seis meses; de adelgazar nada, engordan, como engordaron o custo deste goberno, que é o máis caro da Deputación na democracia».
Para José Antonio García, o verdadeiro «problema de Suplusa era a lea enorme que tiñan no PSOE». Lembrou palabras do presidente da Deputación para poñelas en contraste coa realidade: «Agardamos, dicía o goberno provincial, que na liquidación de Suplusa haxa consenso, transparencia e información, e resultou que nin tiveron a dignidade de falar cos traballadores; é penoso velos lendo o seu futuro nos periódicos». «Fixeron actuacións totalmente intolerables», concluíu García