Lugo, 31 de decembro de 2019. Os 20 traballadores encargados do mantemento das zonas verdes da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) teñen a certeza de que manterán os seus postos de traballo e as mesmas condicións laborais e salariais grazas á decisión do Goberno de encargar este servizo á empresa pública Tragsa coa subrogación dos empregados. Así o puxo de manifesto o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, na sesión ordinaria do Pleno celebrada este martes, na que acusou ao Partido Popular de tratar de “manipular” aos empregados con informacións incorrectas.
Tomé explicou que “había catro posibilidades, logo do acordo de disolución de SUPLUSA, para o servizo de mantemento das zonas verdes: acabar con el, pero nós non queríamos perder os postos de traballo; privatizar, pero nós somos defensores dos servizos públicos; incorporalos á Deputación, pero antes terían que superar unhas probas de acceso sen a seguridade de superalas; e a mellor opción, que é a que acordamos, a única que era capaz de garantir todos os postos de traballo e as condicións laborais dos empregados, que é encargarlle o servizo a Tragsa”. O Presidente recalcou que a compra dunha acción por parte do ente provincial do Grupo Tragsa, formado por Tragsa e Tragsatec, e pola cal a empresa pública pasa a ser un medio propio instrumental da Deputación de Lugo representará un “beneficio enorme para a provincia e os Concellos”.
Explicou tamén Tomé que o encargo a Tragsa para o mantemento das zonas verdes provinciais e inicialmente de seis meses porque non se podía acordar máis con cargo aos orzamentos do 2019 e a prioridade era garantir o pago dos salarios de todos os traballadores co comezo do novo ano. O encargo ampliarase cando entren en vigor os presupostos do 2020. O Presidente quixo agradecer tamén o labor dos traballadores dos diferentes servizos da Deputación, como secretaría, intervención, contratación, asesoría xurídica ou medio ambiente, que contribuíron a materializar a mellor solución para os traballadores e traballadoras nun tempo récord.