O edil de Cultura anuncia que “un ano máis o Nadal chegou a Foz. Tralo acendido do alumeado navideño dan comezo unhas xornadas de intensa actividade. Empezamos este venres, día 20, ás 19:00 horas na emblemática Sala Bahía co Festival de Nadal da nosa marabillosa Escola de Música. Continuamos o sábado co teatro infantil da man de Ghazafhellos coa obra Nana para un soldado, ás 18:30 horas tamén na Sala Bahía; ese mesmo día na igrexa de Foz poderemos escoitar un concerto excepcional a cargo do grupo vocal ArsPholifónica. O domingo 22 ás 12:00 na Sala Bahía terá lugar o acto homenaxe aos 40 anos de corporacións democráticas municipais. Xa pola tarde poderemos practicar deporte coa tradicional Run Foz Run de Nadal”.
Héctor Moris engadiu que “o martes 24 chegará o día máis esperado polas máis pequenas persoíñas das nosas casas, Papá Noel estará no noso pobo ás 12:00 facendo un percorrido dende a Casa da Cultura ata o Concello, onde recibirá a todos os nenos e nenas; tamén esa mañá terá lugar o concerto de panxoliñas da nosa Escola de Música. O día 25 será o concerto de Nadal da Banda de Música ás 20:30 horas na Igrexa. O sábado 28 teremos de novo teatro infantil, esta vez a cargo de Sarabela coa súa obra Proxecto Noe ás 18:30 horas na Sala Bahía. O martes 31 ás 12:00 teremos un concerto na Avenida da Mariña a cargo do Grupo de Jazz da Escola de Música. E pola noite haberá o Baile de Fin de Ano amenizado polo grupo Lecer. Xa nos primeiros días do Aninovo o xoves 2 de novo quenda para as nosas crianzas coa actuación do Mago Lledó ás 18:30 na Sala Bahía. O día 5 poderemos desfrutar da tradicional cabalgata de Reis coa posterior chocolatada e recepción dos Reis”.
O concelleiro de Cultura anima a “achegarse a Foz tamén no Nadal para desfrutar da programación de actividades que se desenvolverá ao longo dos vindeiros días”.