O congreso abriuse ás 5 da tarde coa intervención do Presidente da Fundación Expomar e Alcalde de Burela, Alfredo Llano; a Directora Xeral de Pesca, Mercedes Rodríguez Moreda; e Pablo Rivera Capón, da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo.
A primeira xornada comezou poñendo en valor as artes de pesca e o papel das novas xeracións, cunha conferencia a cargo de Basilio Otero Rodríguez, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores e Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Burela.
Durante esta primeira xornada do congreso interviñeron representantes de confrarías de pescadores de diferentes puntos de España, expoñendo as especies diferenciais e as artes de pesca en distintas áreas xeográficas, centrando o protagonismo nas Confrarías de Pescadores, xa que participan José Caballer Torrent, presidente da Comunidade de Pescadores El Palmar (Valencia); Juan Mercant Terrasa, Director Xeral de Pesca e Medio Mariño do Goberno das Illas Baleares; e Manuel Suárez, Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Tarifa (Andalucía).
A primeira xornada pechouse cunha mesa de debate sobre as boas prácticas para unha pesca sostible, na que, ademais dos anteriores relatores, tamén intervirá o coordinador de pesquerías de WWF España, Raúl García Rodríguez.
Este congreso desenvólvese dentro do proxecto “Centro de Coñecemento do Patrimonio Cultural Pesqueiro”, promovido pola Fundación EXPOMAR e financiado polo GALP A Mariña Ortegal.