Site icon Crónica3.com A Mariña

Os traballadores de Alcoa abren unha caixa de resistencia coa aportación do pintor Xoán Guerreiro

 Lugo, 11 de decembro, 2019. Os traballadores de Alcoa abreron hoxe unha caixa de resistencia coa que facer fronte a posibles continxencias que poidan xurdir na súa complicada loita pola viabilidade desta fábrica. Fixérono cunha primeira achega, a do pintor Xoán Guerreiro, que doa 200 gravados para a súa venda, que representan, precisamente, unha paisaxe da factoría de Alumina-Aluminio. O pintor de Xove, que hai anos foi traballador nesta planta, entregou esta mañá as 200 obras aos integrantes do comité de empresa de Alcoa, nun acto celebrado no Concello de Xove, coa asistencia de moitos traballadores e tamén de varios alcaldes da Mariña lucense.
Estas 200 serigrafías, numeradas e asinadas polo autor, están realizadas a catro tintas, a partir dun óleo de Guerreiro de Alúmina-Aluminio, reproducidas no taller de Xermán Refojo e Honorio. Guerreiro pretende así “Apoiar aos compañeiros que están a pasar por esta complicadísima situación. Só é un xeito de solidarizarme coas circunstancias que están a vivir. Espero que lles axude para afrontar gastos ou calquera outra necesidade que podan ter e tamén para que a xente se implique máis no apoio a estes traballadores; non só económicamente, senón mostrando unha unión total ante un problema que non afecta só á Mariña, senón que é de toda a provincia de Lugo”.
As serigrafías realizadas en papel fabriano de algodón, cunha medida de 35 x 50, e cunha mancha de 27 x 22, están numeradas e asinadas polo propio autor, e teñen detrás un proceso moi laborioso levado a cabo no taller dos tamén artistas lucenses, Xermán Refojo e Honorio. Para eles a maior dificultade á hora de converter o óleo de Guerreiro en gravados, estivo en obter a imaxe para pasala a linguaxe serigráfico e simplificalo a catro tintas, e todo iso conservando a mesma atmosfera do cadro”. A xuizo do propio autor, o resultado foi “extraordinario” polo que espera boas vendas e comezar a encher o fondo de resistencia dos traballadores de Alcoa. De feito, Guerreiro tivo en conta a importancia de facer chegar estes gravados ao maior número posible de compradores, polo que rebaixó considerablemente o prezo do mercado destas obras, que terán un prezo de 100 euros, para facelas totalmente accesibles para calquera que quera colaborar coa causa dos 1.150 traballadores da factoría de Alúmina – Aluminio.
Representantes do comité de empresa agradeceron o xesto do que foi traballador da fábrica e sinalaron que os puntos de venda dos gravados se establecerán nas oficinas do propio comité de empresa de Alcoa ademais de na galería de arte, A Catedral, de Lugo. Tamén lembrou as próximas movilizacións que levarán a cabo os traballadores de Alcoa, como a que está prevista para o vindeiro sábado, día 14, ás doce do mediodía, ante a Subdelegación do Goberno en Lugo.
As xerigrafías poderanse mercar nas oficinas do comité de empresa de Alcoa-San Cribrao ou ben na galería de arte A Catedral de Lugo.

Exit mobile version