Lourenzá, 12 de decembro de 2019. A Secretaria Provincial Socialista e Deputada Autonómica, Patricia Otero e a Alcaldesa de Lourenzá, Rocio López García avanzaron que o Grupo Parlamentario Socialista rexistrou unha pregunta urxente, que será debatida na vindeira sesión plenaria, coa que reclama explicacións ao Goberno de Feijóo sobre a grave crise que atravesa a empresa Muebles Hermida en Lourenzá. O pasado 9 de decembro de 2019 a dirección da empresa Muebles Hermida de Lourenzá comunicaba, en asemblea aos traballadores, que ía solicitar o concurso voluntario de acredores debido ás dificultades que atravesa.
Otero vai interpelar ao Goberno para saber “si a Xunta de Galicia ten previsto mediar na crise que atravesa a empresa Muebles Hermida de Lourenzá, buscando un plan de viabilidade, para garantir deste xeito a actividade e os postos de traballo?”.
Así as cousas, a dirixente socialista remarca ademais que xa rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias para demandar ao Goberno de Feijóo “un plan de viabilidade que garanta a súa actividade e os postos de traballo”. Critica tamén a nula implicación do Goberno do PP nesta grave crise que non só afecta ao Concello de Lourenzá, senón a toda a Mariña Lucense.
“A día de hoxe hai preto de cen familias que non cobran os seus salarios dende fai mais de 4 meses, e mentres o Goberno de Feijóo mira cara outro lado. Temos que actuar xa, a situación é dramática para moitos laurentinos e para moitos veciños da Mariña”, advertiu.
Chamaremos a todas as portas
Pola súa banda a Alcaldesa de Lourenzá, Rocio López, acompañada dos membros do Goberno laurentino, remarcou o compromiso do todo o equipo de Goberno cos traballadores e coas súas familias. “Dende o Concello non temos competencias para solventar esta grave crise, pero queremos que saiban que chamaremos a todas as portas para tentar atopar unha saída de futuro a esta empresa”, dixo a rexedora.