Segundo se constata na Acta o Goberno de Elena Candia “o Concello solicitou unha subvención o pasado 14 de febreiro 2019, para Proxectos novos de dinamización do Xacobeo 2021: Programa o teu Xacobeo, concretamente para a actuación denominada Potencia o Camiño Norte en Mondoñedo, e que contaba cun orzamento total de 20.000 euros con IVE. Nesta acta sinalase que “debido a motivos organizativos esta entidade non é capaz de levar a cabo esta actividade ..polo que renuncia de forma expresa a subvención concedida que ascendeu a 12.000 euros”.
Neste mesmo documento hai unha segunda renuncia a outra subvención para este mesmo programa de dinamización do Xacobeo 2021, para unha iniciativa que leva por título Bordón e Pluma. “Segundo consta o montante total deste proxecto é de 19.965 con IVE, e neste caso tamén se renuncia ao investimento que concedeu a Axencia de Turismo de Galicia para este proxecto que ascendeu a 11.979 euros”.
Por último o Concello de Mondoñedo tamén renunciou a unha terceira subvención da Conselleira de Cultura para a colaboración no financiamento para a contratación dun arquiveiro que ascendía a 5.200 euros.
O Goberno de Candia é incapaz de xestionar os recursos do Concello
“Tal e como se pode constatar o Goberno de Elena Candia é incapaz de xestionar os recursos do Concello, xa que a renuncia de tres subvencións é o síntoma máis evidente de que non é capaz de realizar os proxectos que o mesmo Concello propón”, advertiu Esperanza González.
“Tres proxectos quedaron sen executar en Mondoñedo por mor da inoperancia do Goberno de Elena Candia, e que supoñían un investimento de máis de 29.000 euros”, resumiu a voceira socialista.