Site icon Crónica3.com A Mariña

O Sergas iniciou as obras para renovar as fachadas, carpintería exterior e envolventes térmicas do Hospital Público da Mariña

 Lugo, 4 de decembro de 2019. O Servizo Galego de Saúde e a empresa adxudicataria dos traballos, asinaron este luns a acta de replanteo coa que se dá inicio ás obras de reforma das fachadas, carpintería exterior e envolventes térmicas do Hospital Público da Mariña. A Xunta de Galicia investirá preto de 1,9 millóns euros nesta nova actuación no Hospital da Mariña, coa que se busca unificar esteticamente o conxunto de edificios que agora forman este centro, pero, sobre todo, mellorar e incrementar a eficiencia enerxética do mesmo. Este novo investimento súmase aos máis de 12 millóns de euros que a Xunta de Galicia está a investir na ampliación e renovación do Hospital da Mariña.

As obras, que deron comenzo esta semana, permitirán incrementar a eficiencia enerxética do hospital, ao contemplar a eliminación de pontes térmicas renovando toda fachada do edificio inicial do Hospital da Mariña e substituíndo a súa carpintería exterior e vidros. Deste xeito, non só se mellorará a eficiencia enerxética, senón tamén o illamento térmico e acústico do hospital.

A adxudicación das obras recaeu na empresa OGMIOS. As obras, cuxo importe é de preto de 1,9 millóns de euros, están cofinanciadas nun 80% polo Programa Operativo FEDER-Galicia, dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética e de xestión intelixente da enerxía en infraestruturas públicas.
Os traballos que se están a realizar teñen como finalidade mellorar a eficiencia enerxética do Hospital da Mariña. Previamente realizouse unha auditoría enerxética do edificio principal existente para estudar as necesidades de illamento e eficiencia que precisaba. Os traballos que se van levar a cabo contribuirán, ademais, a equilibrar e a unificar esteticamente os módulos do edificio principal cos do novo edificio, froito da ampliación recentemente executada polo Sergas.

Os traballos implicarán a substitución da carpintería exterior do edificio inicial do Hospital Público da Mariña, a maioría del de dobre ventá e sen rotura de ponte térmica. Por este motivo, o Sergas substituirá toda a súa carpintería exterior, ineficiente enerxeticamente, por novas carpinterías e vidros de control solar que proporcionen mellores características de
illamento térmico e acústico ao centro hospitalario mariñano. Ademais, instalaranse vidros de control solar e baixa emisividade, coa fin de minorar as cargas de refrixeración interior do edificio, en substitución dos vidros monolíticos instalados actualmente, sen capacidade de control solar e cun baixo illamento térmico.

A reforma tamén suporá a mellora da envolvente térmica (fachadas e cubertas) do edificio inicial do Hospital da Mariña e a eliminación de pontes térmicas. Para iso, implementarase un sistema de illamento térmico exterior para a completa rehabilitación da envolvente, e instalaranse fachadas ventiladas, con placas de formigón polímero, unha solución idéntica á do edificio recentemente inaugurado polo Sergas no Hospital da Mariña, o que, ademais, de mellorar o illamento térmico do hospital, suporá unificar esteticamente o conxunto hospitalario.

As obras para a substitución da carpintería exterior metálica do edificio anterior á ampliación, así como para a instalación de fachadas ventiladas e instalación de cuberta dotada de illamento, complementan aos traballos de ampliación e renovación integral do Hospital da Mariña, das que o Sergas está a cometer xa a segunda fase. A reforma das plantas de hospitalización xa está rematada e séguese a actuar na área de consultas externas….

A ampliación do Hospital da Costa e reforma do Hospital da Mariña supuxo un investimento de máis de 12,8 millóns de euros, que permitiron incrementar a superficie do Hospital da Mariña en 6.000 m² máis, sobre os 17.600 m² existentes. Para iso construíuse un novo pavillón en forma de L con catro plantas na parte máis longa e dúas na parte máis curta, que implicou un incremento dun 30% da superficie do hospital.

Unha vez rematadas as obras de ampliación, e as melloras e reformas que están a levar a cabo no actual edificio do Hospital da Mariña, xunto coa renovación de fachadas, cubertas e carpintería exterior, que agora se están a realizar, a comarca de A Mariña contará cun hospital moderno, accesible, con novos aparellos técnicos de diagnóstico e tratamento, e cun hospital máis luminoso e eficiente enerxeticamente.

Exit mobile version