Na súa intervención, o escritor lucense lembrou aos finados Xabier P. Docampo e Agustín Fernández Paz, no seu día candidatos ao galardón, dos que sinalou a súa “xenerosa entrega” en favor da lingua, “unha laboriosa sementeira” da que dixo “non son os mellores tempos para a seitura”
Ao fío desa traxectoria compartida cos seus compañeiros de xeración, e do recente ditame do Comité de Ministros do Consello de Europa en relación co galego, o autor lamentou a “pouco venturosa situación da nosa lingua nos ensinos, nos medios de comunicación, nas igrexas e nos diferentes estamentos da administración” e fixo un chamamento a “esixir a quen corresponda e a nos mesmos” compromiso e responsabilidade coa “fala e canto ela estruturou”
Na súa quenda, Ramón Villares afondou na figura de Otero Pedrayo. O historiador chairego, que se sinalou deudor da contribución do escritor ourensán no ámbito das ciencias sociais, destacou o seu “liderado intelectual”, froito do seu coñecemetno das correntes de pensamento europeas contemporáneas, e reivindicou a “actualidade da súa obra”.
O son das arpas célticas de Rodrigo Romaní e Bea Martínez marcaron a sonoridade dun acto conducido pola actriz Isabel Risco no que tamén interviron o presidente da Deputación, José Tomé, a vicepresidenta e deputada da área de Cultura, Maite Ferreiro, -organizadora do Premio-, e o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García,
Maite Ferreiro, que introduciu o acto cunha semblanza dos premiados, agradeceulles “o seu talento e o seu esforzo, postos ao servizo da comunidade de maneira xenerosa e exemplar”.
A vicepresidenta destacou “a decisiva contribución de Paco Martín á internacionalización da literatura infantil e xuvenil en galego” e destacou “a querenza pola figura de Ramón Otero Pedrayo, a quen lle dedicou estudos imprescindibles para o coñecemento da súa obra e da permanencia do seu pensamento”.
“En nome propio e desta Deputación, os nosos sinceros parabéns pola súa obra e por este premio que a recoñece como unha contribución eminente á cultura galega que axuda a esclarecer a nosa identidade”, dixo Maite Ferreiro.
Na clausura do acto, o presidente da Deputación, José Tomé Roca, amosou a súa satisfacción de ter “acollido hoxe unha nova edición deste premio que, dende 1977, converteuse nun referente á hora de recoñecer a persoas e institucións que destacan polo seu labor a favor da difusión da cultura galega”.
Ademais, Tomé loou aos premiados dicindo que “son dous escritores lucenses que teñen cultivado na súa obra o mundo máximo da creación e non menos máximo proceso de redescubrir nos arquivos a verdade da nosa Historia, tantas veces diferente de aquelo que nos tiñan contado”.
O presidente agradeceulles a Paco Martín e a Ramón Villares que, o feito de acadar a excelencia nas respectivos campos, “non os teña afastados da xente, que a súa obra sexa unha proba de que o mellor xeito de impulsar a nosa cultura pasa por facer contribucións pensadas para compartir, concibidas dende a veciñanza e ofrecidas dende a proximidade e a amizade”.