A este encontro asistiron, por parte do PSOE, os deputados galegos Guillermo Meijón, Ana Prieto e Javier Cerqueiro, ademais do senador César Mogo. Os parlamentarios socialistas trasladaron aos representantes sindicais o absoluto respaldo do GPS ao mantemento do emprego desta fábrica, clave na economía da comarca da Mariña.
O PSOE tamén lles explicitou a plena disposición, unha vez que se constitúa un goberno estable, a aprobar “coa máxima urxencia” un estatuto do consumidor electrointensivo, que forma parte das decisións do Goberno para a baixada do prezo da electricidade para as industrias que fan un consumo masivo dela, como é o caso desta alumineira.
Igualmente, os socialistas comprometéronse a reforzar o diálogo entre o Goberno e o Comité de Empresa na procura de solucións, para trasladar o máximo de certeza aos traballadores e, por riba, ao sector. Neste sentido, os parlamentarios subliñaron que para o Goberno é un asunto “de máxima prioridade e urxencia” adoptar todas as medidas necesarias para asegurar a presenza de todas as industrias electrointensivas no noso país e, en concreto e moi singularmente, a desta planta lucense.
O Grupo Socialista destacou, ademais, a implicación tanto da Presidencia do Executivo como dos ministerios de Industria e de Transición Ecolóxica neste tema, así como na procura doutras medidas complementarias –ademais do estatuto do consumidor electrointensivo e doutros mecanismos- que permitan achegar o prezo da enerxía en España ao da nosa contorna europea.