No Partido Popular de Lugo asístese con fonda preocupación ao dobre e cambiante discurso que mantén, en todo o que ten que ver con Alcoa, o PSOE, ese partido que fai tempo deixou de ser Español e Obrero para converterse no Partido Sanchista. Os socialistas lucenses anunciaron onte que nesta concentración habería unha ampla mostra do seu partido. A isto chámase xogar a ser Goberno e oposición ao mesmo tempo. Ten o seu aquel que os socialistas participen nunha concentración diante da Subdelegación do Goberno, é dicir, un organismo dirixido por eles mesmos; o PSOE maniféstase contra si mesmo.
Os populares cren que sería moito menos teatral e moito máis operativo que en vez de manifestarse visitaran ao presidente Pedro Sánchez, secretario xeral do PSOE, para dicirlle que faga o que ten que facer con respecto a Alcoa, é dicir, en relación coas industrias electrointensivas. Sería moito máis fácil, moito más práctico e eficaz, para garantir o futuro de tan importante industria para A Mariña, en particular, e para Lugo, en xeral. Se, como dixo a secretaria provincial do PSOE, apoian un prezo xusto da enerxía, a onde teñen que ir é a falar con Pedro Sánchez.
O verdadeiro problema de Alcoa é que non pode competir en igualdade de condicións co resto da industria europea por culpa do elevado prezo da electricidade. Esgótase o tempo, para a empresa e para as familias e cada vez hai más risco de que, aínda que se arbitren medidas reguladoras, cheguen tarde. O Goberno ten que reaccionar, abandonar a inacción, e aprobar as medidas que garantan un prezo da enerxía asumible.