Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG provincial sinala que con Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero o partido chegou a grandes resultados na provincia en 2019

Lugo, 26 de decembro de 2019. O PSdeG-PSOE acadou en 2019 resultados “moi positivos” en Lugo baixo a dirección de Gonzalo Caballero, acadando niveis de apoio moi superiores aos do conxunto do partido en España tanto nas eleccións xerais de abril e novembro como nas municipais de maio. A dirección galega e a federal optaron pola renovación nas candidaturas de Lugo ás xerais poñendo a Ana Prieto e César Mogo como cabezas, e conseguiron pasar de un a dous deputados en abril e refrendalos en novembro.

Así pois, os resultados electorais do PSdeG na provincia de Lugo foron históricos en 2019 e afianzan ao socialismo galego para acadar o goberno da Xunta en 2020. O partido está totalmente encarrilado en Lugo e preparado para contribuír ao cambio en Galicia.

A dirección do partido en Lugo restou importancia aos posicionamentos dun militante de base que non representa máis que a si mesmo e cunha experiencia electoral propia que se circunscribe a Friol, cos resultados electorais coñecidos. Por iso, o PSdeG-PSOE de Lugo insta a Santos a que se centre nas súas responsabilidades como concelleiro en Lugo despois de que tivese que abandonar a secretaría provincial pola perda de apoio do partido na provincia. A militancia pide lealdade cos actuais secretarios xerais, Pedro Sánchez, Gonzalo Caballero e Patricia Otero, que foron elexidos democraticamente pola maioría e que representan a capacidade de frear ás dereitas.

Ademais, a secretaria provincial do PSdeG en Lugo, Patricia Otero, recordou que Gonzalo Caballero comunicou en decembro no último Comité Nacional, do que Álvaro Santos non é membro, que a dirección galega puxo en marcha a elaboración das bases programáticas para as autonómicas baixo a coordinación de Leiceaga, así como un laboratorio de ideas para conectar coa sociedade civil.

Finalmente, a presidenta de honor e o presidente do PSdeG de Lugo, Lara Méndez e José Tomé, respectivamente, chamaron ao conxunto da organización a traballar pola maioría social progresista que se evidenciou en Galicia nos últimos procesos electorais, para darlle un goberno enfocado cara o avance do país cando Feijóo convoque as eleccións.

Así as cousas, o presidente da Deputación, a alcaldesa de Lugo e a secretaria xeral provincial conclúen: “Hai proxecto, hai votos e Gonzalo Caballero será o próximo presidente da Xunta. Estamos en condicións de poñer fin a Feijóo”.

Exit mobile version