Tomé Roca explicou que o papel das Deputacións foi mudando e que se foi adecuando ás necesidades da sociedade. “Somos unha administración próxima ás persoas, centrada en acadar o acceso aos servizos en condicións de igualdade para todos e todas, vivan onde vivan, sexa cal sexa o tamaño do seu concello e, no caso da Deputación de Lugo, independentemente de quen goberne”, explicou. “Estas xornadas serven para seguir mellorando e son unha ocasión idónea para avanzar e mellorar as liñas de cooperación cos concellos”, asegurou Tomé Roca.
No foro, que se desenvolveu ao longo de toda a mañá, participou un cento de empregados públicos e máis de cincuenta representantes dos concellos da provincia, que intercambiaron opinións sobre o tema central do encontro.
A xornada acolleu tres relatorios. Despois da apertura oficial, a primeira levou por nome Os Gobernos locais intermedios: presente e futuro das Deputacións Provinciais. Dereito Comparado, que impartiu Serafín Pazos Vidal, responsable de Política Europea da Convención Escocesa de Autoridades Locais. A segunda versou sobre A planta municipal: o problema do pequeno concello. Fusión/supresión e outras alternativas. Análise das experiencias europeas, que correu a cargo de Fernando López Ramón, catedrático de Dereito Administrativo na Universidade de Zaragoza. E a terceira e última, levou por título O Concello como institución dinamizadora da localidade. O rol das cabeceiras de comarca, a cargo de Santiago Lago Peñas, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo.