“Esta é unha iniciativa que forma parte do noso obxectivo estratéxico de cooperar cos municipios para que poidan prestar servizos públicos eficientes á cidadanía aforrando custes, pero tamén preservando o medio ambiente”, subliñou José Tomé no acto de sinatura do convenio, celebrado na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos.
O Presidente recalcou esta mañá que “a Deputación é o Concello dos Concellos” e que dende a institución traballan con instrumentos tan importantes como o Plan Único, ao que se destinará algo máis de 20M€ no vindeiro ano, pero tamén cunha asistencia técnica diaria en moi diversas materias e con diferentes accións como o programa Ilumin@.
A Xunta de Goberno aproba mañá licitar o subministro do material
O Presidente anunciou que mañá mesmo, a Xunta de Goberno aprobará sacar a licitación o subministro e a instalación do material necesario para á substitución das luminarias. A previsión é que os traballos poidan comezar a principios de ano.
Pensado para axudar aos concellos de menos de 20.000 habitantes, o Ilumin@ suporá un investimento de 723.000 euros, distribuídos entre os 38 municipios adheridos en base a criterios obxectivos para garantir equidade e proporcionalidade: poboación, superficie, dispersión ou esforzo fiscal.
Para acometer este proxecto, a entidade provincial recibiu unha achega económica de 578.072,26€ do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), solicitada a través do Instituto de Desenvolvemento de Aforro Enerxético (IDAE), dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica. A Deputación achega 144.518,10€, co que o orzamento total do proxecto é de 722.590,36€.