Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP presenta ao pleno unha ampla batería de iniciativas para a mellora dos servizos e infraestruturas de Viveiro

Viveiro, 10 de decembro de 2019. Os concelleiros do Partido Popular de Viveiro deron a coñecer esta mañá en rolda de prensa varias iniciativas que presentan ao pleno da corporación local, e que, unha vez máis, fan deste grupo o máis activo dos que integran o Concello. Unha das mocións dos populares ten por obxectivo que o goberno presidido pola socialista María Loureiro solicite a Portos de Galicia a concesión do peirao vello, de modo que o Concello poida xestionar directamente este espazo público para que resulte máis útil para os veciños de Viveiro.

O portavoz popular, Óscar Rodríguez, explica: «Dende hai máis de 20 anos efectúanse xestións para liberar o peirao de Viveiro das distintas infraestruturas que non tiñan uso portuario e afeaban notablemente a fachada marítima da cidade. Dita tramitación prolongouse no tempo debido a distintos expedientes xudiciais que o fin foron resoltos de xeito favorable». Engade: «A Xunta de Galicia fíxose cargo de tódolos gastos, así como de acometer as actuacións pertinentes, como o derrube de antigas estruturas e acondicionamento do solo, para que, a día de hoxe, constitúa a zona de aparcadoiro máis importante da cidade, sendo de utilidade para o sector servizos, área comercial e para a habitabilidade do casco histórico». No caso de que, como quere o PP, se materialice a concesión ao Concello, este tería que asumir o mantemento da urbanización e a vixilancia deste espazo.

Con outra das súas mocións os populares pretenden que o Concello se sume a O banco vermello, a campaña contra a violencia de xénero, e que instale canto antes, no marco desta iniciativa, un banco desa cor nun lugar moi transitado. Os populares suxiren acordar en comisión o lema que debe figurar no banco e propoñen o seguinte: «O amor non doe e moito menos mata». Queren que para a inauguración se programen actos, como talleres e conferencias. Os edís populares explican que O banco vermello «é un proxecto cultural e pacífico de prevención, información e sensibilización contra a violencia de xénero e o feminicidio co que se pretende conseguir que se fale disto todos os días do ano». Engaden: «O seu obxectivo é facer reflexionar a quen vexa este símbolo sinxelo e potente». Aclaran que a color vermella está tomada do primeiro símbolo utilizado para demostrar publicamente a violencia contra as mulleres, con moitos zapatos vermellos, presentados ante a embaixada de México en 2012 para lembrar ás mulleres asasinadas en Ciudad Juárez.

Por outro lado, o grupo municipal do PP defenderá unha moción para que todos os vehículos da Policía Local e de Protección Civil teñan un desfibrilador externo semiautomático, e que os coches así equipados estean rotulados de modo que quede claro que contan con DESA. Pretenden igualmente que tanto os policías como o persoal de Protección Civil reciban formación sobre o uso destes aparatos. Un DESA é un aparato electrónico portátil, que diagnostica e trata a parada cardiorrespiratoria cando é debida a fibrilación ventricular ou a unha taquicardia ventricular sen pulso.

O grupo municipal popular presenta tamén varios rogos. Un deles ten por obxectivo a mellora do paseo da praia de Covas, de maneira que ao longo do inverno se tomen as medidas necesarias para que os traballos de pintado do muro, bancos e farois, así como a reparación dos desniveis do piso e substitución de baldosas estragadas estean rematados para a próxima campaña estival. O grupo que ten por portavoz a Óscar Rodríguez explica que, na actualidade, camiñar polo paseo da praia de Covas pode resultar perigoso debido o mal estado do pavimento e a falta de tapas de sumidoiros e rexistros. Igualmente, destacan que falta limpeza e que o aspecto do conxunto é de desleixo.

Entre os rogos que tramitaron os edís populares hai un co que o PP pretende que o goberno municipal inste ao propietario da finca Villapulgas de Cantarrana a sanear ás árbores que afectan a un tendido eléctrico, co conseguinte risco para as persoas. Tamén é preciso cortar algunhas ramas que ameazan con caer sobre os viandantes.

O PP presenta tamén rogos para a mellora do Camiño do Cubilote, do acceso á igrexa de Covas e a reparación da pista que comunica San Andrés de Boimente e a estrada de Amareleixa.

Exit mobile version