Burela, a 14 de decembro de 2019.- A principios de semana o recentemente elixido alcalde, grazas á abstención do Bloque no pleno de investidura, anunciaba os seus catro grandes proxectos para este mandato: unha nova EDAR, un novo pavillón de deportes, o desenvolvemento do polígono de Torrentes e un polígono industrial para Burela.
É curioso que se trate dos catro grandes proxectos que Llano xa anunciou para o seu anterior mandato e, por iso, dende o PP de Burela pregúntanse, “que foi exactamente o que fixo nos últimos catro anos, a que se dedicou”; dende logo, “a traballar nestes catro proxectos queda demostrado que non, tal e como el mesmo está a recoñecer polas súas declaracións”.
A irresponsabilidade do BNG por poñer á fronte do Concello de Burela a un alcalde que o único que fai é anunciar fume, queda tamén demostrada. “Onde quedaron as manifestacións que lle atribuían os nacionalista en campaña electoral”, volven a preguntarse dende o PP, “que foi daquel slogan coa foto de fondo do señor Llano no que se podía ler… do que dixen nada fixen”.
“Agora ao señor Pillado ben se lle podería aplicar, seguindo a proposta do seu partido na última campaña municipal, un «non me acordo do que dixen», coa súa propia foto de fondo”, manifestan dende as filas populares.
E é que “o BNG, con Pillado á fronte, por un lado, o que está a facer co seu apoio ao PSOE é validar toda a política errática, que tanto teñen criticado, destes últimos catro anos de desgoberno socialista e, por outro lado, facerse corresponsables da desfeita que sufra Burela nos vindeiros catro anos”, conclúen.