Burela, 4 de decembro de 2019.- “O PP burelés considera que calquera tipo de apoio do BNG para que Llano ou calquera outro concelleiro socialista sexa alcalde é un fraude ao seu electorado, e unha emenda á totalidade do que o propio BNG, especialmente Mario Pillado, leva dito nos últimos catro anos”, manifesta Manuel Rouco, concelleiro electo e presidente da Xestora do PP local.
Rouco lembra que “Pillado foi moi crítico co goberno de Llano e do PSOE nestes catro anos; tanto, que votaron en contra dos catro proxectos de orzamentos que presentou o PSOE nestes anos (o PP abstívose nos do ano 2016); e mostraron enorme belixerancia en dous asuntos, a recuperación da xestión directa da auga e da recollida de lixo e limpeza viaria, e no novo pavillón de deportes”.
“Pois ben”, indica Manuel Rouco, “Pillado debe aclarar antes do sábado que vai votar o BNG cando se leve a pleno a adxudicación do concurso da recollida de lixo e limpeza viaria, e que vai defender no tocante ao novo pavillón de deportes ou reforma do Vista Alegre. Ademais, agardamos que os novos presupostos recollan todo aquelo que o BNG solicitaba: redución do gasto protocolario e dos gastos diversos, políticas de fomento do emprego, non incremento dos impostos, etc., e que por riba se incrementen os cartos adicados a servicios sociais e outras partidas que teñan que ver co benestar dos cidadáns”, apunta.
Manuel Rouco considera que “Pillado e o BNG deben aclarar estas cuestións antes do sábado, para que a veciñanza saiba a postura do BNG ante asuntos que son de capital importancia. Pero ademais hai que destacar que o apoio de Pillado e do BNG a unha investidura de Llano ou de calquera outro concelleiro socialista que estivera no anterior goberno, ben sexa co apoio directo, ben sexa a través da abstención, significa que todo o que Pillado leva dito foi fume, dado que esa investidura significa recoñecerlle validez á xestión socialista nos últimos catro anos, e ao mesmo tempo avalar a máis que posible nefasta xestión socialista nos vindeiros anos”.
Rouco afirma que “se ben é certo que o PSOE foi o partido máis votado, non hai ningún candidato que poida acadar unicamente cos votos do seu partido a maioría absoluta, dado que a configuración da vindeira corporación permite tres combinacións, entrando en xogo as negociacións. O BNG négase a negociar co PP, e é moi libre de non facelo, pero debería pensalo, non sexa que á larga saia perdendo, non só eles se non, o que é máis importante, Burela”.